A mocidade coruñesa achegouse ao comercio local coa iniciativa ‘Localízate’

ACoruñaXa
A iniciativa ‘Localízate! No teu comercio local’, posta en marcha por primeira vez este curso para reforzar os vencellos coas novas xeracións, permitiu chegar a máis de 600 rapaces e rapazas coa colaboración de arredor de 70 establecementos
localizate-coruña
Actividade ‘Localízate! No teu comercio local’ na Coruña
14 May 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron este martes na Coruña na segunda xornada do programa piloto ‘Localízate! No teu comercio local’, iniciativa do Goberno galego dirixida á mocidade e enmarcada nas accións do Plan estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

Nesta actividade, o alumnado de 1º a 4º da ESO participante, percorreu por equipos as rúas da cidade e resolveron distintas probas coas que crean vencellos cos establecementos comerciais das súas contornas en nas que se poñen en valor aspectos como o traballo en equipo, a experiencia de compra, a xeración de emprego local e a sostibilidade ambiental. A proba de hoxe dá continuidade á celebrada en Vigo e seguiralle a de hoxe en Ourense e a do xoves 15 en Lugo.

En paralelo, en cada unha das cidades hai unha unidade móbil que serve como punto informativo e escaparate de produtos locais. No caso da cidade da Coruña estivo situada na Avenida da Mariña e pola tarde acolleu unha mesa de diálogo na que os propietarios de distintos establecementos da cidade contaron as súas historias de éxito, boas prácticas e experiencias no eido comercial e que tamén servirá como espazo de diálogo para analizar os retos do sector. Trátase dunha actividade a prol da competitividade do tecido comercial que concorda co que promove o Plan estratéxico do Comercio de Galicia.

Desenvolvemento da xincana

Cada clase participante divídese en grupos dun mínimo de 8 e un máximo de 10 alumnos/as, acompañados dunha persoa adulta responsable durante todo o percorrido da xincana. A actividade consiste en que cada grupo supere seis probas ao longo dun percorrido por distintos establecementos comercias e postos das prazas de abastos, a través das cales coñecerán de primeira man as tipoloxías do comercio de proximidade, a actividade comercial e interactuarán coas persoas comerciantes. En cada proba deberán responder a unha pregunta relacionada coa actividade comercial e por cada resposta correcta o equipo recibe a peza dun crebacabezas e resulta gañador o equipo que o complete no menor tempo.

‘Localízate’ constitúe unha aposta estratéxica da Xunta por reforzar o futuro do comercio galego a través da participación e implicación das novas xeracións, que nesta primeira convocatoria permitiu chegar a máis de 600 rapazas e rapaces coa colaboración de arredor de 70 establecementos. Nas próximas edicións do programa iranse sumando distintas localizacións ata abarcar todo o territorio galego, achegando de primeira man ao alumnado participante o seu comercio local máis próximo e o impacto social, medioambiental e económico que xera.

⚙ Configurar cookies
0.14471483230591