A memoria democrática suma 150.000 euros para retirar simboloxía franquista dos concellos pequenos

ACoruñaXa
A Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña lanza unha liña de axudas de até 10.000 euros para eliminar elementos de exaltación da ditadura e promover actos de reparación ás vítimas
DEPU CORU franquista
9 Mar 2026

A Deputación da Coruña reforza este ano a súa aposta pola memoria democrática cun novo programa de subvencións dirixido aos concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia. A través da convocatoria FO208/2026, a Área de Dereitos Civís mobilizará 150.000 euros para financiar actuacións destinadas a retirar simboloxía franquista dos espazos públicos e avanzar na reparación e dignificación das vítimas da represión.

A iniciativa foi aprobada coa intención de facilitar que os municipios máis pequenos poidan cumprir coa Lei de Memoria Democrática, especialmente naqueles casos nos que as limitacións orzamentarias dificultan afrontar este tipo de intervencións. As axudas oscilarán entre os 3.000 e os 10.000 euros por entidade local.

O programa permitirá sufragar a retirada de escudos, insignias, placas, esculturas ou mencións conmemorativas vinculadas ao golpe de Estado de 1936 e á ditadura franquista que aínda permanezan en edificios ou vías públicas. Tamén se inclúen os gastos derivados da restauración posterior dos inmobles municipais afectados por estas actuacións.

Xunto á eliminación destes vestixios, a convocatoria incorpora unha vertente divulgativa e de sensibilización. Os concellos poderán destinar os fondos á organización de charlas, cursos, congresos, conferencias, publicacións ou exposicións que contribúan a recuperar e difundir a memoria da represión exercida durante a ditadura.

Outra das liñas de actuación previstas céntrase na sinalización e mantemento de espazos de memoria. As entidades beneficiarias poderán instalar paneis informativos ou placas en lugares de especial relevancia histórica, sempre co obxectivo de render homenaxe ás persoas que sufriron a represión e preservar a memoria colectiva.

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, defendeu a convocatoria como unha ferramenta de apoio aos pequenos concellos e subliñou a necesidade de seguir avanzando no coñecemento do pasado. Segundo indicou, recuperar a memoria silenciada durante décadas supón un acto de xustiza democrática e unha vía para que a cidadanía coñeza o alcance da represión sufrida tamén no ámbito local.

O programa abrangue ademais a organización de actos de recoñecemento público para persoas e colectivos perseguidos polas súas ideas, crenzas, identidade ou orientación entre o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e a entrada en vigor da Constitución de 1978.

O prazo para presentar solicitudes abrirase o 16 de marzo e permanecerá activo até o 16 de abril ás 14.00 horas. A convocatoria pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia número 45, publicado este 9 de marzo.

0.1110360622406