A memoria das loitas das mulleres centra o 8M da Deputación cun programa que percorrerá a provincia

ACoruñaXa
A institución provincial aposta por actividades continuadas para lembrar o papel feminino nas mobilizacións sociais e laborais e reivindicar que a igualdade 'require un compromiso continuo e compartido'
DEPU CORUA sol de agara
27 Feb 2026

A Deputación da Coruña presentou este 27 de febreiro a súa programación polo Día Internacional da Muller cun enfoque posto na memoria histórica e no protagonismo das mulleres nas loitas sociais e laborais. A deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, explicou que o obxectivo é visibilizar o papel que tiveron en procesos colectivos decisivos, como a reconversión naval de Ferrolterra nas décadas dos oitenta e noventa ou diferentes mobilizacións do século XX, e reforzar a idea de que a igualdade non se limita a datas sinaladas. Na presentación tamén participou a xefa de Servizo, Eva Ovenza.

A campaña, cunha imaxe deseñada pola cooperativa Cestola na Cachola, busca englobar os contidos dun programa que se estenderá por boa parte do territorio. 'Queremos incidir na resistencia, resiliencia, sororidade e no poder colectivo das mulleres para o avance social', sinalou Agra, quen subliñou que 'a igualdade real require un compromiso continuo e compartido ao longo do tempo'.

Un dos eixos será 'Mulleres da Reconversión', unha iniciativa que pretende recuperar testemuños de mulleres da comarca de Ferrolterra a través de encontros e entrevistas para investigar o seu papel naquela etapa. O traballo dará lugar a unha exposición e a un vídeo documental, que se presentará en Fene o vindeiro 6 de marzo. A deputada defendeu que se trata dun 'acto de xustiza' ao poñer en valor un labor 'silencioso e case invisíbel' nos relatos históricos, pero que considera esencial na forza produtiva, na loita colectiva e nos coidados.

A programación complétase cun circuíto de actividades de igualdade que chegará á maioría dos concellos nos próximos meses, con propostas para público infantil e adulto. Haberá obradoiros, teatro, curtametraxes, contacontos e outras accións da man de compañías, asociacións e artistas que traballan arredor da igualdade, do feminismo e dos dereitos das persoas con diversidade sexual e de xénero. A mensaxe, remarcou Agra, é que a prevención e a concienciación deben ser un traballo diario.

No eido expositivo, a Deputación porá á disposición de entidades e concellos a mostra 'Sinaladas', agora adaptada para poderse exhibir en interiores e solicitábel a través da plataforma SUBTEL. A comisaria, Montse Fajardo, acudirá á presentación en cinco concellos en datas aínda por pechar. A exposición rende homenaxe ás mulleres que participaron nas loitas sociais desde o século XIX en Galicia e que, segundo destacou Agra, quedaron fóra dos libros de historia.

Como peche da programación, o 7 de marzo o Pazo da Cultura de Carballo acollerá o concerto do décimo aniversario do grupo De Vacas, co espectáculo 'Vacanal Sinfónica'. Contará con arranxos e dirección musical de Lucas Rei, coa participación do Coro da Ra dirixido por Ramón Bermejo e unha orquestra creada especificamente para o proxecto. A área de Igualdade quere, con esta proposta, levar unha mensaxe de feminismo reivindicativo tamén a formatos lúdicos e musicais para chegar a máis xente.

Eva Ovenza explicou que o conxunto de actividades se encadra nun Plan Provincial con máis de 170 accións e vixencia ata outubro deste ano. Segundo indicou, a Deputación comeza xa os traballos para avaliar ese primeiro plan, diagnosticar a situación actual na provincia en materia de igualdade, diversidade e prevención das violencias machistas, e mellorar a distribución das accións no territorio. Ademais, desde a área de Igualdade avanzaron o inicio dos trámites para a avaliación, diagnose e elaboración do II Plan de Igualdade 2027-2031, cunha metodoloxía participada e colaborativa.

0.1240828037262