A memoria da Asociación Cultural Faragulla volverá reunirse nunha xornada para celebrar a tradición e o legado das súas mulleres


A Asociación Cultural Faragulla de Teixeiro dará un novo paso na recuperación da súa memoria colectiva coa celebración do I Encontro 'Faragulla no Tempo', previsto para o vindeiro 18 de abril de 2026 no Centro Etnográfico do Río Mandeo. A iniciativa chega máis de 45 anos despois do nacemento da entidade e quere render homenaxe ao camiño aberto por mulleres clave como Victorina Núñez, ademais de reforzar os lazos entre varias xeracións de faragulleiras.
A cita nace coa intención de reunir antigas e actuais membros da asociación nunha primeira gran toma de contacto arredor da historia común da entidade. O programa inclúe a proxección de vídeos e imaxes inéditas, así como un espazo para compartir lembranzas, experiencias e anécdotas que axuden a manter viva a pegada cultural dunha agrupación moi vencellada á identidade tradicional de Teixeiro.
A xornada arrancará ás 9.30 horas coa recepción e benvida das participantes. A continuación, abrirase un espazo dedicado á historia da asociación e ao reencontro entre ex integrantes, no que a organización anima tamén a levar fotografías e materiais audiovisuais que contribúan a reconstruír a memoria de Faragulla.
Un dos momentos centrais do encontro chegará ás 12.00 horas coa presentación de 'Somos Pandeireteiras', proxecto impulsado por Mercedes Peón, que estará acompañada por Gisela Sanmartín. A proposta permitirá coñecer o labor desta destacada iniciativa cultural en Galicia e a súa conexión coa transmisión da música e do toque tradicional.
A programación reservará ademais un lugar destacado para a aprendizaxe práctica. Ás 11.00 horas, Cris Núñez impartirá un obradoiro para ensinar a tecer o mantón tradicional de lá. Máis tarde, ás 13.00 horas, Andrés Naya e Angelina Correia porán o foco no baile tradicional galego cun taller centrado en pezas recuperadas do antigo repertorio da asociación, así como nos xeitos e maneiras de danzar.
O encontro rematará cun xantar de confraternidade e unha foliada a partir das 14.00 horas, nun peche pensado para prolongar a convivencia nun ambiente festivo. A convocatoria está aberta a todas as faragulleiras de onte, de hoxe e de sempre, tanto ás que seguen en Teixeiro como ás que marcharon fóra. As persoas interesadas en asistir ao xantar poden reservar ou adquirir a súa entrada a través da asociación ata o 12 de abril.