A memoria antifranquista centrará unha xornada de homenaxe ás presas e presos políticos

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña celebrará este 9 de abril unha nova xornada de actos centrada no recoñecemento ás presas e presos políticos do franquismo e na reivindicación da memoria democrática.
A programación arrancará ás 10.00 horas cunha recepción na Deputación da Coruña ao Republicano de Honra 2026, Miguel Ángel Gómez 'Gus', por parte do presidente provincial, Valentín González Formoso.
Xa pola tarde, ás 19.00 horas, terá lugar o acto principal no salón de actos da Fundación ONCE, no Cantón Grande, 3, na Coruña. O encontro servirá para render homenaxe ás persoas represaliadas pola ditadura e para afondar en episodios da loita antifranquista, as detencións, as torturas e a fuga do cárcere de Segovia en 1976.
Nesta primeira parte intervirán Miguel Ángel Gómez 'Gus', recoñecido este ano como Republicano de Honra e ex preso político do franquismo nos cárceres de Carabanchel, Segovia e Zamora; Josu Ibargutxi, preso político entre 1968 e 1977 e fugado do cárcere de Segovia; e Enrique Gesalaga Larreta, condenado a 50 anos de prisión no primeiro xuízo de Burgos de 1970 e tamén participante naquela fuga.
A xornada incluirá tamén un bloque dedicado ás presas e presos políticos do franquismo no cárcere da Coruña, coa participación de Celsa Díaz Cabanela, Marisol García Juárez, Manuel Villares Creo, Sari Alabau e Marga Vázquez Veras. A presentación e moderación correrán a cargo de Consuelo Bautista, directora de Hora 14 en Radio Coruña Cadena SER.
Con esta convocatoria, a CRMH da Coruña volve poñer o foco na memoria das vítimas da represión franquista e na necesidade de manter vivo o relato das persoas que padeceron cadea, persecución e violencia política durante a ditadura.