A mediación pola folga do bus na provincia da Coruña remata sen acordo e medra o risco de paro indefinido o 2 de febreiro

O conflito no transporte público de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña segue enquistado tras a reunión mediadora celebrada este luns na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, en Santiago. Ao remate, os sindicatos aseguraron que marchaban coa sensación de ter perdido o tempo e sen avances que permitan achegar posturas.
Desde a CIG, o responsable de Transportes, Nacho Pavón, sinalou que as empresas non puxeron sobre a mesa ningunha oferta económica nin social e que se limitaron a lanzar reproches. Ao seu xuízo, a parte empresarial asistiu ao encontro “porque lles obrigou a Xunta”, pero “sen intención real” de mover ficha nunha negociación que leva máis de catro anos encallada. Pavón advertiu tamén de que a patronal pretendería abrir un convenio novo para volver discutir desde cero condicións xa consolidadas tras anos de negociación.
Na mesma liña pronunciouse Hugo Antunes, delegado sindical do transporte urbano en Santiago, que describiu unha reunión pouco produtiva e sen contido, marcada polas críticas ás xornadas de folga en lugar de abordar o fondo do conflito.
A tensión vén medrando nas últimas semanas con paros intermitentes en toda a provincia, con impacto notable na mobilidade tanto en Compostela como noutros puntos do territorio, e co debate sobre o cumprimento dos servizos mínimos fixados pola Xunta. Os sindicatos xa advertiron de que a convocatoria anunciada para o 2 de febreiro, de carácter indefinido se non hai cambios, sería máis dura ca os paros actuais.
Outro dos portavoces sindicais, Ernesto López Rei (CIG), asegurou que “nin sequera se chegou a negociar” e vinculou o fracaso da mediación á actitude da patronal, á que acusa de querer pechar a porta á parte social. López Rei lembrou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pedira retomar as conversas despois de que as empresas se levantasen da mesa en semanas anteriores, pero afirmou que este luns non se intercambiou “nin media palabra” sobre os puntos clave do convenio.
Polo de agora, non hai data para unha nova cita no marco da mediación. Mentres, os traballadores anuncian mobilizacións ao longo desta semana e manteñen a ameaza de iniciar a folga indefinida o vindeiro luns, 2 de febreiro, se non se produce un xiro nas negociacións.