A Media Maratón C21 e a carreira 5K encherán as rúas da Coruña o 9 de febreiro
O Concello da Coruña presentou hoxe o percorrido oficial do Medio Maratón C21, que terá lugar o próximo 9 de febreiro. “Esta é unha das probas máis atractivas a nivel nacional, e desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por ela, deseñando un circuíto que axude aos atletas a obter boas marcas”, destacou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
A décimo sétima edición da C21, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo, contará cun percorrido homologado de 21.097,50 metros. A proba, incluída no calendario oficial da Federación Galega e da Real Federación Española de Atletismo, disputaráse nun circuíto urbano pensado para facilitar grandes rexistros aos participantes.
O percorrido manterá a ruta das últimas dúas edicións, con saída e chegada no Obelisco. A primeira metade transcorrerá por Ramón y Cajal, Salvador de Madariaga e o porto, mentres que a segunda parte incluirá o paseo marítimo, pasando polas praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, para despois cruzar San Andrés ata Porta Real, onde os corredores emprenderán a última etapa cara á meta.
Paralelamente, celebrarase unha carreira de 5 quilómetros, enfocada a que os participantes poidan gozar do ambiente do medio maratón e prepararse para o circuíto Coruña Corre, que dará comezo en marzo.
As inscricións están abertas a través da web de Carreiras Galegas, con case mil persoas anotadas para a C21 e máis de 500 na 5K. Ambas probas repartirán máis de 15.000 euros en premios, incluíndo 1.000 euros adicionais para quen bata o récord do medio maratón, establecido en 1:01:40 na categoría masculina e 1:11:16 na feminina. Os vencedores da edición de 2024 foron Pablo Sánchez e María Azucena Díaz.