A maxia do 1900 regresa en Arteixo cunha cea-baile para recordar

Arteixo prepárase para revivir o encanto do pasado cun dos actos máis esperados da súa Feira Histórica: a tradicional Cea-Baile de 1900, que terá lugar o sábado 18 de outubro ás 22.00 h no Pazo dos Deportes. A cita contará coa actuación musical da coñecida Orquestra Ritmo, encargada de poñer o ambiente festivo nesta noite tan especial.
As entradas están á venda desde o 13 de outubro no despacho de billetes do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía, ao prezo de 25 euros, e están destinadas a persoas maiores de 12 anos. Os horarios de venda son de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas, así como de 21.30 a 22.30 horas no propio Pazo dos Deportes.
O menú, fiel á tradición, inclúe unha táboa de queixos e embutidos galegos, polbo á feira con cachelos, carne ao caldeiro con patacas, sobremesas como tartas de améndoa e queixo frío, ademais de café con gotas e chupitos de licor. Todo isto acompañado de viños con denominación de orixe, refrescos e auga.
Para aquelas persoas que queiran mergullarse de cheo na estética da época, está dispoñible o servizo de aluguer de traxes na Sala dos Espellos do CCC de Arteixo, ata o 18 de outubro, en horario de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h. A devolución dos traxes poderá facerse o luns 20, de 9.00 a 15.00 h e de 16.00 a 20.00 h.