A maxia chega a Vilarmaior co espectáculo do mago Richard dentro do Nadal Máxico

Vilarmaior sumará unha nova cita á súa programación do Nadal Máxico cun espectáculo que promete ilusión para todas as idades. A Casa da Cultura será o escenario, o venres 2 de xaneiro de 2026 ás 17.00 horas, dunha función que se presenta como unha viaxe ao espírito destas datas: a historia dun neno que soñaba con ser mago e dun adulto que regresa á infancia a través da maxia.
O protagonista será o mago Richard, que comezou a achegarse a esta disciplina aos 13 anos e, desde entón, participou en actuacións por toda Galicia e tamén en iniciativas formativas, impartindo obradoiros. Ademais, é membro fundador da Asociación Maxia Compostela e da Asociación de Magos Profesionais de Galicia. A proposta busca combinar emoción e participación con xogos e efectos pensados para sorprender tanto a nenos e nenas como ao público adulto.