A Marina da Coruña acolle unha mostra para celebrar os 60 anos do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses

ACoruñaXa
Os oito paneis compilan imaxes históricas da entidade, que custodia un importante patrimonio documental e que desde a súa fundación foi un piar fundamental para promover investigacións e publicacións vinculadas coa historia da cidade
Imaxe da presentación do nstituto José Cornide de Estudos Coruñeses
13 Xuño 2024

Unha exposición composta por oito paneis informativos repasa desde hoxe os 60 anos de historia do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. A entidade, nada en abril de 1964, celebra deste xeito o seu aniversario, buscando dar difusión a un importante legado a unha labor investigadora mantida durante décadas.

O concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, e responsable de área de Cultura, Gonzalo Castro, visitou esta mañá a mostra, situada no lateral da Autoridade Portuaria. "Facer entender a cidade é un dos motivos da existencia do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, cuxos 60 anos de traxectoria celebramos con esta fantástica exposición", indicou Castro, que estivo acompañado pola directora da entidade, Ana Romero Masiá, quen xunto a María Jesús Garea e Emilio Grandío é tamén comisaria da mostra. Grandío tamén estivo presente no acto, así como Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria.

Os oito paneis compilan imaxes históricas da entidade, que custodia un importante patrimonio documental e que desde a súa fundación foi un piar fundamental para promover investigacións e publicacións vinculadas coa historia da cidade, contribuíndo así ao seu mellor coñecemento e a máis ampla difusión de dita historia.

"Achegar á rúa e aos paseantes a actividade deste instituto municipal tamén encaixa á perfección co espírito da cidade, na que a personalidade ilustrada sempre contou con vocación expansiva e socializada", indicou Castro, quen recordou o apoio que o Goberno de Inés Rey presta desde o ano 2019 á entidade.

0.17900395393372