A Mancomunidade de Ordes leva ás aulas a ‘Escola de Novos Cooperativistas’ para promover emprendemento con valores

A Mancomunidade de Ordes puxo en marcha a ‘Escola de Novos Cooperativistas’, unha iniciativa educativa coa que busca introducir o cooperativismo e a economía social nos centros da comarca a través dunha aprendizaxe práctica. Segundo a entidade, máis de 80 persoas entre alumnado e profesorado participan na creación de proxectos cooperativos reais, traballando desde a idea inicial ata a organización interna, a toma de decisións e as primeiras nocións de xestión.
A proposta céntrase en dinámicas participativas para que a mocidade observe o territorio, detecte necesidades e ensaie solucións colectivas, coa fórmula cooperativa como ferramenta. As primeiras sesións desenvolvéronse no IES Maruxa Mallo, no IES Oroso e no CPI de Viaño Pequeno, nun percorrido inicial por distintos concellos da comarca.
A ‘Escola de Novos Cooperativistas’ enmárcase no programa de actuación 2025-2026 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración promovida pola Xunta para fomentar o cooperativismo e a economía social, con financiamento estatal.
A posta en marcha deste novo itinerario dá continuidade a unha liña de traballo na comarca orientada a achegar o emprendemento social ás aulas e a reforzar o vínculo entre formación e desenvolvemento local.