A LXXIII Temporada Lírica da Coruña celebrará os 150 anos de ‘Carmen’

ACoruñaXa
A Coruña conmemorará esta efeméride cunha espectacular produción escénica asinada por Calixto Bieito
temporada-lirica-corunha
29 May 2025

A LXXIII edición da Temporada Lírica organizada pola Asociación de Amigos da Ópera da Coruña chega cargada de ambición artística e compromiso cultural. A súa presidenta, Natalia Lamas, presentou este mércores a programación destacando un dos grandes pratos fortes da tempada: a celebración do 150 aniversario da estrea de Carmen, a célebre ópera de Georges Bizet. A Coruña conmemorará esta efeméride cunha espectacular produción escénica asinada por Calixto Bieito, que poderá verse no Palacio da Ópera os días 5 e 7 de setembro.

“Un ano máis traballamos para que a cidade sexa un espazo de referencia cultural”, sinalou Lamas durante o acto, celebrado no Teatro Colón. A presidenta salientou que a programación desta tempada supón un reto organizativo e económico, “no que encaixamos os limitados recursos que temos coa maior calidade artística”, convencida de que o resultado contará co respaldo do público.

Lamas agradeceu o apoio das administracións —Xunta de Galicia, Concello da Coruña, Deputación da Coruña, INAEM, Fundación Emalcsa e Consorcio para a Promoción da Música— así como da Afundación e outras entidades colaboradoras.

O director artístico da Asociación, Aquiles Machado, foi o encargado de desgranar o programa completo, que arrancará o 4 de setembro cunha conferencia sobre *Carmen*, a cargo de Irene de Juan Bernabéu. A ópera, que regresa á temporada coruñesa tras 19 anos, contará cun elenco encabezado pola mezzosoprano Sofija Petrovic no papel protagonista, acompañada por Brian Michael Moore (Don José), Jean-Fernand Setti (Escamillo) e María José Moreno (Micaëla). A dirección musical estará en mans de Gianluca Martinenghi e contará coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia e preto de 100 artistas sobre o escenario. En total, máis de 200 profesionais darán vida a esta proposta.

Entre os títulos destacados tamén se atopa La finta semplice, de Mozart, que se representará os días 26 e 28 de setembro no Teatro Colón. Trátase dunha produción propia da Asociación baixo dirección escénica de Gianmaria Aliverta e musical de Giuseppe Sabbatini. O elenco estará formado por voces como Anthony Webb, Christian Pursell, Marina Zyatkova ou Diana Alexe, entre outros.

O compromiso da Asociación coa divulgación tamén se verá reflectido na vertente didáctica da tempada. Máis de 1.000 escolares asistirán ás funcións didácticas os días 21 e 22 de outubro no Auditorio de Afundación, como parte dun proxecto educativo en colaboración cos centros participantes.

A formación vocal terá protagonismo co curso impartido polo barítono Carlos Álvarez, entre o 29 de setembro e o 3 de outubro, que culminará cun concerto gratuíto no Museo de Belas Artes. Ademais, o ciclo de lírica inclusiva traerá recitais gratuítos a espazos sociais da cidade, como Padre Rubinos, a sede da ONCE e o centro cívico de Monte Alto, con artistas como Rocío Muñoz, Alexandra Zanfira e Marcelo Solís.

A programación completarase con proxeccións de cinema na Filmoteca de Galicia e en Afundación, onde se poderán ver títulos como In the mood for love, Carmen de Rosi, e óperas de Bizet, Strauss e Fischer-Dieskau.

A gala da tempada 2025 terá lugar o 24 de novembro no Teatro Colón, cun recital do sopranista venezolano Samuel Mariño. “Ofrecerá un fantástico repertorio camerístico e unha posta en escena distinta e innovadora”, destacou Aquiles Machado.

A clausura da tempada será o 5 de decembro coa estrea na cidade de Pelléas et Mélisande, de Debussy, baixo dirección de José Miguel Pérez Sierra e coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia e un destacado elenco vocal.

 

⚙ Configurar cookies
0.15385913848877