A literatura volve gañar protagonismo en Paderne co III Certame de Relato Corto

ACoruñaXa
O prazo para participar remata o 10 de marzo de 2026 e os textos deberán estar escritos en galego e vinculados ao concello, con historias reais ou de ficción ambientadas no municipio
PADERNE premios literarios
24 Feb 2026

O Concello de Paderne volve poñer o foco na creación literaria e convoca por terceiro ano consecutivo o seu Certame de Relato Corto, unha iniciativa que busca encher de historias o municipio, tanto a partir de feitos reais como de narracións imaxinadas que teñan Paderne como escenario.

As inscricións para esta terceira edición estarán abertas ata o 10 de marzo de 2026. Para que os traballos poidan entrar a concurso, deberán estar redactados en lingua galega e vinculados ao concello, ben porque relaten sucesos acontecidos no termo municipal, ben porque sitúen alí unha trama de ficción.

O certame mantén o esquema das edicións anteriores, con dúas categorías segundo a idade das persoas participantes: unha xuvenil, dirixida a mozas e mozos de entre 10 e 17 anos, e outra xeral para maiores de 18. En ambos casos, as obras deberán presentarse en formato DIN A4, con letra Arial tamaño 12 e interliñado 1,5.

A valoración das propostas recaerá nun xurado de tres persoas elixidas polo Concello. Na puntuación teranse en conta aspectos como a calidade da escritura, o manexo de técnicas literarias e a orixinalidade. Os textos poderán ser narrativos ou poéticos, pero deberán ser creacións orixinais, inéditas e non premiadas con anterioridade.

As persoas interesadas deberán entregar o relato xunto cunha folla de inscrición, dispoñible tanto na Casa Consistorial como na sede electrónica municipal, antes do peche do prazo.

O 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, faranse públicos os nomes das persoas gañadoras e celebrarase a entrega de premios. Na categoría xuvenil, o recoñecemento inclúe a publicación do relato nun libro recompilatorio cos traballos presentados, un lote de 30 exemplares desa edición, unha cesta de produtos típicos da zona e un dispositivo electrónico. Na categoría xeral, ademais da publicación e do lote de 30 exemplares e da cesta de produtos, entregarase tamén un premio económico de 400 euros.

0.087767839431763