A literatura escolar celebra 21 edicións do certame Rita Suárez Amado no Eusebio da Guarda

ACoruñaXa
Belén do Campo participou na entrega de premios dun concurso xa consolidado no calendario educativo e cultural, nun acto no que se recoñeceu o talento do alumnado e o compromiso da familia de Rita Suárez Amado coa memoria da autora
A CORUÑA eusebio belen
14 Mar 2026

O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda acolleu este venres a entrega dos premios do XXI Concurso Literario Rita Suárez Amado, unha cita xa asentada no ámbito educativo que promove a creatividade entre o alumnado a través do relato curto e da poesía. No acto participou a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, que puxo en valor a continuidade dunha iniciativa que supera xa as dúas décadas de traxectoria.

Durante a súa intervención, a representante autonómica destacou o traballo da directora do centro, María Isabel Ruso de Lago, así como da comunidade educativa, do profesorado e do equipo directivo pola súa implicación na organización dun certame que, segundo subliñou, contribúe a espertar o interese pola literatura entre a mocidade ao tempo que mantén viva a lembranza de Rita Suárez Amado.

Belén do Campo tivo tamén palabras de recoñecemento para a familia da homenaxeada, presente no acto, pola súa vontade de preservar a súa memoria a través dun concurso que se converteu nun referente no instituto. A delegada salientou ademais o papel das familias na educación das novas xeracións e puxo como exemplo o compromiso da contorna de Rita Suárez Amado ao transformar a lembranza nun proxecto educativo e cultural duradeiro.

O concurso estrutúrase en tres niveis e inclúe as modalidades de relato curto e poesía. Na primeira delas, as gañadoras foron Marta Núñez, do Colexio Montespiño, no nivel I, e María Crespo, do IES Lamas das Quendas de Chantada, no nivel II. No nivel III, o premio foi compartido por Sofía Carou, do IES Rafael Dieste, e Martina Fungueiro, do Colexio Montespiño. O accésit do nivel II recaeu en Uxía Seoane, do IES Manuel Murguía de Arteixo.

Na modalidade de poesía, o xurado distinguiu a Adriana González, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, no nivel I, a Ariana Crego, do IES Eusebio da Guarda, no nivel II, e a Cecilia Desmonts, do Colexio Montespiño, no nivel III. Os accésits foron para Rebeca Ilem Ríos, do IES Eusebio da Guarda, no nivel I, e para María Rosalía Astray, tamén do IES Eusebio da Guarda, e Alba Fernández, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, no nivel III.

A delegada felicitou as premiadas polos traballos presentados e fixo extensivo o recoñecemento ao conxunto do alumnado participante, así como ao xurado e aos centros que tomaron parte nesta edición. No transcurso do acto, tamén reivindicou o peso histórico do IES Eusebio da Guarda, un centro con máis de 150 anos de historia polo que pasaron figuras destacadas da cultura e da vida pública como Pablo Picasso, Manuel Fraga, Salvador de Madariaga ou Gonzalo Torrente Ballester.

Do Campo lembrou ademais a relevancia da educación e da cultura no desenvolvemento da sociedade e incidiu en que o instituto forma parte da Rede MUPEGA de Institutos Históricos de Galicia e da rede de centros plurilingües desde a primeira convocatoria deste programa no curso 2010/11. A representante da Xunta pechou a súa intervención animando a continuar impulsando propostas deste tipo, chamadas a fomentar a creatividade, o pensamento crítico e o amor pola cultura entre os máis novos.

0.12460589408875