A literatura e a imaxe volven unirse para reivindicar o papel das mulleres en Bergondo

O Concello de Bergondo vén de convocar a segunda edición do Certame de foto-relatos 'Bergondo en feminino', unha proposta coa que busca dar visibilidade ás mulleres a través da creación literaria e da imaxe. A iniciativa inscríbese na sétima edición do proxecto municipal do mesmo nome e pretende fomentar unha ollada feminista desde a cultura e a creatividade.
O concurso está aberto a todas as persoas interesadas, sen importar o seu lugar de empadroamento. As obras que se presenten deberán ser orixinais, inéditas e non poderán ter sido premiadas previamente noutros certames. Ademais, os textos terán que estar redactados en galego e non superar os 3.000 caracteres, espazos incluídos.
A convocatoria propón combinar palabra e fotografía. Por iso, cada participante deberá presentar un arquivo de texto en formato PDF acompañado da imaxe á que fai referencia, que deberá remitirse na máxima calidade posible, en formato JPG ou PDF.
O prazo para enviar os traballos permanecerá aberto ata o xoves 7 de maio de 2026 ás 14.00 horas. As propostas deberán remitirse ao correo electrónico leticia.rey@bergondo.gal e ir acompañadas dunha folla cos datos persoais da persoa participante, incluíndo copia do DNI, enderezo, teléfono de contacto e a categoría na que concorre.
O certame establece dúas modalidades, unha xuvenil para persoas de entre 12 e 18 anos e outra dirixida á categoría adulta, a partir dos 18 anos. En total repartiranse seis premios, tres en cada unha delas.
Na categoría xuvenil, o primeiro premio consistirá nun bono comercio de 180 euros, mentres que na categoría adulta será de 200 euros. En ambos casos, o segundo premio será un lote de libros e o terceiro, unha maleta con materiais do proxecto 'Bergondo en feminino'.
O xurado avaliará as propostas en función de tres grandes criterios. Terase en conta, en primeiro lugar, a perspectiva feminista da historia, valorando a súa capacidade para sensibilizar sobre igualdade, denunciar inxustizas ou poñer o foco nas loitas, avances e experiencias das mulleres. Tamén se premiará a orixinalidade dos enfoques, especialmente aqueles que dean protagonismo a vivencias menos visibles, e analizarase a calidade técnica tanto do relato como da imaxe.
A entrega de premios terá lugar durante o acto de clausura da sétima edición de 'Bergondo en feminino', previsto para o venres 29 de maio, en horario de tarde, no edificio sociocultural da Senra.