A Liga das Sebes organiza tres reunións veciñais en Fisteus para impulsar a restauración das sebes tradicionais

ACoruñaXa
Os encontros, previstos para o luns 24 de novembro en Xabriño, A Illana e O Igrexario, forman parte do proxecto piloto impulsado polo Instituto de Estudos do Territorio e o Grupo Naturalista Hábitat coa colaboración do Concello de Curtis
CURTIS liga sebes
23 Nov 2025

A iniciativa ambiental 'A Liga das Sebes' fará este luns 24 de novembro unha parada especial na parroquia de Fisteus (Curtis) con tres reunións abertas á veciñanza nos locais sociais de Xabriño, A Illana e O Igrexario. O proxecto ten como obxectivo recuperar as sebes autóctonas nas fincas agrícolas da Zona de Concentración Parcelaria de Fisteus, elementos tradicionais que delimitan parcelas, protexen os cultivos, melloran o solo e ofrecen refuxio á fauna, contribuíndo á creación de corredores ecolóxicos no territorio.

As xuntanzas celebraranse ao longo de toda a xornada: ás 11.00 horas no local social de Xabriño (San Roque), ás 13.00 horas no de A Illana e ás 16.00 horas no do Igrexario de Fisteus. En cada encontro, o equipo do Grupo Naturalista Hábitat explicará en que consiste 'A Liga das Sebes', os beneficios destas estruturas vexetais para o campo e o funcionamento das futuras actuacións de plantación e restauración que se desenvolverán na parroquia.

Ademais de ofrecer información técnica, as reunións servirán como espazo de diálogo no que as persoas propietarias de fincas e o conxunto da veciñanza poderán expoñer dúbidas, achegar propostas e compartir experiencias sobre o uso e mantemento das sebes vivas. A participación é libre e non se require inscrición previa.

'A Liga das Sebes' enmárcase na acción piloto 'Green InfrasTREEcture for the Landscape', promovida polo Instituto de Estudos do Territorio no marco do proxecto europeo GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees), cofinanciado por Interreg Europe. A iniciativa conta tamén co apoio da Consellería de Medio Rural, do Concello de Curtis e doutras entidades locais. Nos vindeiros meses combinaranse faladoiros, obradoiros de plantación e actividades divulgativas en centros educativos co fin de poñer en valor este patrimonio natural e paisaxístico propio do rural galego.

⚙ Configurar cookies
0.095406055450439