A licitación para a demolición da antiga fábrica de Viriato arrinca en Ordes

ACoruñaXa
O Concello abre o proceso cun orzamento de máis de 423.000 euros e un prazo de execución de 16 semanas
ORDES derribo fábrica
10 Sep 2025

O Concello de Ordes vén de abrir o prazo de licitación para levar a cabo a demolición da antiga fábrica téxtil de Viriato, situada na rúa Galicia. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 17 de setembro. O proxecto conta cun presuposto global de 423.696,30 euros (dos cales 350.162,23 corresponden á base de licitación) e prevé a retirada de 11.585 m³ de edificacións, incluíndo a nave principal, construcións auxiliares, accesos, galpóns e cubertas de aparcamento. O prazo estimado para a execución é de 16 semanas.

Os traballos desenvolveranse mediante técnicas manuais e mecánicas, desbotando o uso de explosivos. Establécese un plan por fases, comezando polas zonas superiores e avanzando cara a niveis inferiores, con apuntalamentos de seguridade para evitar impactos ou vibracións. Para controlar o po empregarase un sistema de rego con canóns nebulizadores, e os materiais serán transportados en camións cubertos.

En canto á xestión de residuos, os materiais pétreos serán triturados para reutilizarse no acondicionamento dos terreos. No caso de elementos con amianto, a empresa deberá estar inscrita no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto (RERA) e aplicar protocolos específicos, como a instalación dunha caseta de descontaminación e o encapsulamento das placas de fibrocemento antes da súa manipulación. O persoal só poderá realizar estas tarefas un máximo de catro horas ao día.

O Concello destacou que todo o proceso cumprirá a normativa vixente en materia de seguridade e saúde laboral, co obxectivo de protexer tanto a veciñanza como ás persoas traballadoras.

⚙ Configurar cookies
0.10450196266174