A IV Feira da Cultura EnCamiño pecha con aumento de asistencia e sendo referente cultural na comarca

A IV edición da Feira da Cultura EnCamiño, celebrada en Miño, clausurouse cun balance moi positivo, superando amplamente as cifras de participación e vendas respecto ao ano anterior. Durante os tres días de actividade, máis de 3.000 persoas acudiron ao evento, triplicando a asistencia rexistrada en 2024, cando se contabilizaran arredor de 1.200 asistentes.
Tamén no ámbito comercial se alcanzaron cifras récord, con máis de 3.000 libros vendidos, fronte ao milleiro da pasada edición, o que confirma a consolidación desta feira como unha das citas culturais máis destacadas da comarca.
A programación, diversa e pensada para públicos de todas as idades, conseguiu encher as presentacións, especialmente durante a tarde do sábado, cando se rexistrou a maior afluencia. A participación da mocidade foi particularmente relevante nesta edición, con propostas como o encontro “Entre redes e novelas” coa actriz e influencer Rebeca Stones, ou as charlas sobre narrativa Young Adult, que contaron coa presenza de autoras recoñecidas como Iria G. Parente, Selene M. Pascual, Andrea Tomé, Nana Literaria e Raquel Arbeteta.
Entre as actividades máis celebradas destacaron tamén a presentación itinerante polos escenarios mariñeiros de Miño con Xurxo Souto e o seu libro Somos un pobo de artistas, así como o roteiro poético pola Fraga do Xarío —rebautizada como A Fraga dos Versos— no que as poetas Branca Trigo, Chus Pato, Silvia Penas e Pilar Astray ofreceron micro recitais. O Concello anunciou que instalará sinalizacións nesta ruta para que os visitantes poidan acceder aos recitados desde os seus dispositivos móbiles nos mesmos lugares nos que foron realizados.
Outros dos momentos destacados da feira foron o encontro de premios nacionais con Chus Pato e Yolanda Castaño, o obradoiro de estampación, a masterclass de creación de esqueletos de novela e os encontros entre clubs de lectura, que reuniron a máis de cen participantes chegados de diferentes puntos do Estado.
Ademais, nesta edición formalizouse o irmandamento da Feira da Cultura EnCamiño coa Feira do Libro de Murcia e a Feira do Libro de Santiago del Teide, nun intercambio cultural que contou coa presenza das delegacións de ambos territorios.
Desde o Concello de Miño agradeceron a colaboración de librarías, autoras e autores, clubs de lectura e o persoal municipal que fixo posible o evento. O Goberno local confirma que xa está a traballar na próxima edición, coa vontade de consolidar e ampliar o éxito acadado este ano.