A íntima ruta poética da III Feira da Cultura EnCaMiño, agora dispoñible en vídeo

ACoruñaXa
Os vídeos son de poemas recitados por Yolanda Castaño, Manuel Rivas, Lúa Mosquetera e Sol Mariño
VÍDEO-ROTEIRO-POÉTICO-miño
11 Feb 2025

O Concello de Miño presentará o vindeiro 16 de febreiro, os vídeos dos poemas recitados por Yolanda Castaño, Manuel Rivas, Lúa Mosquetera e Sol Mariño. No acto tamén se adiantará parte da programación da IV Feira da Cultura EnCaMiño, que se celebrará, como é habitual, o terceiro fin de semana de xullo.

O Concello de Miño anunciou a presentación oficial dos vídeos do recital poético celebrado o pasado 21 de xullo de 2024 na Senda dos Sentidos, dentro da programación da III Feira da Cultura EnCaMiño. A presentación terá lugar o próximo 16 de febreiro, ás 12.00 horas, no centro social de A Rúa. Nesa ocasión, os poetas Yolanda Castaño, Manuel Rivas, Lúa Mosquetera e Sol Mariño ofreceron un recital íntimo nun entorno natural único, cun aforo reducido a unha vintena de persoas debido ás limitacións do espazo. Agora, grazas á gravación do evento, calquera persoa poderá disfrutar da poesía destes recoñecidos autores en calquera momento.

Á presentación dos vídeos asistirá a propia Yolanda Castaño, quen estará acompañada pola xornalista e escritora María Nieto. Ademais desta proxección, ofrecerase un adianto da programación da IV Feira da Cultura EnCaMiño, que se celebrará, como é tradición, durante o terceiro fin de semana de xullo.

A concelleira de Cultura, Catalina Morado, destacou a importancia deste evento para a promoción da poesía e a cultura en Miño: “Con iniciativas como esta consolidamos a Feira da Cultura como un referente no ámbito cultural da nosa comarca. A Senda dos Sentidos convértese nun espazo máxico onde a palabra cobra vida, e agora, con estes vídeos, podemos compartir ese momento cun público aínda máis amplo”. Así mesmo, Morado subliñou o compromiso do Concello de Miño coa difusión da cultura e a literatura galega, apostando por eventos que combinan patrimonio, arte e natureza.

O Concello de Miño invita á cidadanía a asistir á presentación dos vídeos o próximo 16 de febreiro e a visualizar posteriormente estas gravacións, que permitirán revivir a emoción do recital en calquera momento.

0.16722106933594