A innovación nas aulas leva un equipo docente galego de Bergondo ao podio estatal

A profesora e veciña de Bergondo Fina Paulos Lareo vén de recibir en Madrid un dos 'I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan a Competencia Dixital do alumnado', convocados polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. O recoñecemento, de ámbito estatal, distingue iniciativas que buscan integrar as novas tecnoloxías nas aulas con propostas innovadoras e aplicables ao día a día do alumnado.
Paulos foi galardoada na modalidade colectiva xunto ao seu compañeiro Óscar Manuel Rey Calo, co que imparte docencia no IES Maximino Romero de Lema, en Baio (Zas). O proxecto premiado consiste na creación dun Recurso Educativo Aberto centrado no río Miño, unha proposta pedagóxica que aposta pola gamificación, o uso de Intelixencia Artificial, a realidade aumentada e o traballo colaborativo para achegar a competencia dixital ao alumnado dunha forma práctica e motivadora, tamén fóra dos grandes núcleos urbanos.
Durante o acto de entrega na capital, a docente bergondesa aproveitou a ocasión para reivindicar o potencial do rural e o valor do ensino público. “Desde centros rurais podemos liderar a vangarda educativa apostando por redes colaborativas, coñecemento compartido e metodoloxías como a aprendizaxe por proxectos ou a orientación ao servizo social co alumnado no centro”, sinalaron os premiados, que tamén destacaron a importancia de construír comunidade arredor das experiencias educativas.
No encontro, Fina Paulos e o resto de docentes recoñecidos agradeceron, ademais, o apoio das familias e a implicación do alumnado que participou no desenvolvemento destas propostas. Entre os galardoados tamén estivo a docente Lorena Cerdeiro, premiada na modalidade individual.
Tras recoller o premio, Paulos subliñou que mantén o compromiso de seguir impulsando desde as aulas iniciativas que fusionen tecnoloxía, creatividade e vínculo co territorio, co obxectivo de ampliar oportunidades de futuro para o alumnado e demostrar que a innovación educativa tamén pode nacer e medrar desde contornas rurais.