A iniciativa MercaNaVila promovida pola Deputación da Coruña mobilizou 16 millóns de euros no comercio local

A Deputación da Coruña destaca o éxito da iniciativa MercaNaVila, que durante o seu desenvolvemento mobilizou 16 millóns de euros en vendas no comercio local da provincia, e avanza que en 2026 haberá “unha campaña aínda máis ambiciosa”.
O programa MercaNaVila puxo a disposición da cidadanía bonos desconto de ata 100 euros por persoa para fomentar o consumo nos establecementos de proximidade dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Entre o 20 de outubro e o 3 de decembro, descargáronse máis de 93.000 bonos e rexistráronse preto de 300.000 operacións de compra en 1.080 establecementos adheridos. A cifra total de vendas supera os 16 millóns de euros.
Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, destacou que “o comercio de proximidade é o corazón das vilas, sen comercio non hai vida. A verdadeira sostibilidade é a que representa o comercio local de Galicia”. Ademais, puxo en valor a implicación dos comerciantes: “Máis que as cifras, valoramos moito as mensaxes que nos mandan os comerciantes, que coinciden en que axudou a moitos comercios a incrementar as súas vendas nunha época difícil e mesmo a evitar o peche de negocios”.
O presidente anunciou que o programa seguirá no futuro: “Xa lles digo que MercaNaVila vaise manter no tempo, que a aposta é de longo prazo e que xa estamos deseñando unha campaña aínda máis ambiciosa para 2026 porque vemos que merece a pena e que ten un impacto moi importante”.
José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, felicitou á Deputación pola súa “aposta decidida polo comercio da provincia” e animou ás demais deputacións galegas a impulsar programas similares: “O comercio é vida: onde hai comercio hai vida”. Ademais, resaltou que “moitos comercios salvaron a súa facturación de fin de ano grazas a esta iniciativa”.
Por outra banda, Rosa Ana García, deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, subliñou que o impacto de MercaNaVila foi “moi positivo non só en termos económicos, senón tamén na dinamización dos concellos máis pequenos”. Destacou que o programa conseguiu que persoas das cidades se desprazasen ás vilas a mercar e a consumir, impulsando así a economía local.
Durante a reunión para valorar a campaña, tamén se acordou continuar reforzando a colaboración coa Federación Galega de Comercio e avanzar en novas accións conxuntas, entre elas a elaboración dun censo comercial para coñecer a situación real do sector e deseñar mellores medidas de apoio.
O balance da campaña mostra unha forte mobilización do comercio local por toda a provincia, con concellos como Noia, Boiro, Ordes, Cee, As Pontes e Betanzos destacando nas cifras de vendas. Este resultado evidencia o impacto positivo e equilibrado que MercaNaVila tivo no comercio de proximidade en toda a Coruña.