A incidencia da gripe chega á intensidade media e a tendencia segue a ser crecente

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A maior taxa de consultas desta enfermidade segue a darse entre nenas e nenos de 0 a 4 anos
Imaxe recurso dun pediatra
13 Dec 2025

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 1 ao 7 de decembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia pasa a intensidade media e continúa con tendencia crecente.

Respecto da semana anterior, rexístrase un aumento na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 46,2 %.

Así, esta taxa sitúase en 122,1 consultas por 100.000 habitantes. O aumento da taxa produciuse de maneira importante en todos os grupos de idade. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos, seguido do de 5 a 19 anos, con 258,2 e 218,9 consultas por 100.000 habitantes, respectivamente.

No que atinxe ás áreas sanitarias, a taxa de consultas foi superior á da semana anterior en todas elas, destacando os incrementos das áreas sanitarias de Vigo (do 94,2 %) e Ourense (do 83,7 %). Con todo, a área coa maior taxa de consultas por gripe foi a de Pontevedra, con 145,2 consultas por 100.000 habitantes.

En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 332 persoas con gripe confirmada, isto é un 20 % máis que na semana anterior (276 ingresos).

O aumento da taxa de ingresos observouse en todos os grupos de idade, sendo o grupo de 80 e máis anos o que presentou o incremento máis importante (do 35,6 %) e a taxa máis elevada con 60,7 ingresos por 100.000 habitantes.

Por área sanitaria, a que presentou o maior incremento de taxa de ingresos foi a de Vigo (do 77,3 %) se ben foi a de Lugo a que amosou a taxa máis elevada con 18,7 ingresos por 100.000 habitantes.

No que vai de temporada da gripe notificáronse 1.675 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.

A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que na última semana as taxas de dispensación de antigripais e de probas de antíxenos aumentaron un 15,3 % e un 30 %, respectivamente.

Ante esta situación, recoméndase o uso da máscara aínda que non se teñan síntomas cando se acude a centros de saúde, a puntos de atención continuada e ás urxencias hospitalarias.

En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara mantense nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.

⚙ Configurar cookies
0.074481964111328