A III Feira da Cultura EnCaMiño transformará Miño na capital das letras do 19 ao 21 de xullo

ACoruñaXa
Na programación contémplanse máis actividades como firmas de libros, recitais de poesía, música, micros abertos ou faladoiros
Imaxe da presentación de EnCamiño
Imaxe da presentación de EnCamiño
11 Xul 2024

Miño converterase na capital galega das letras coa celebración da III edición da Feira da Cultura EnCaMiño, que terá lugar nas pistas de Rabazal os días 19, 20 e 21 de xullo. Ademais, este 2024 contará cun cartel de luxo. O evento reunirá a case 90 escritores, entre os que destacan nomes como os premios nacionais Yolanda Castaño e Manuel Rivas, os dos últimos Premios Xerais, Pedro Feijóo e Marta Villar, e autores do panorama literario galego e nacional como Arantza Portabales, Ana Lena Rivera, Alba Carballal, Diego Ameixeiras, Sica Romero ou May. R. Ayamonte, entre outros moitos.

Durante as tres xornadas levaranse a cabo máis de vinte actividades culturais como conversas literarias e sinaturas de exemplares, espectáculos infantís ou a actuación humorística das Izquierdo Sisters e o concerto de Soul & Roll, así como encontros literarios con clubs de lectura, que se desenvolverán no restaurante local A Carbonera.

A xornada do domingo 21 de xullo estará dedicada á poesía. Destacan na súa programación a ruta poética “Metanoia dos sentidos”, na que os participantes atravesarán a contorna privilexiada da Senda dos Sentidos e asistirán a micro recitais dos poetas Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Lúa Mosquetera e Sol Mariño, ademais da realización do micro aberto de poesía Cerimonia de Gaivotas, que coordina a escritora Branca Trigo.

Contará tamén coa presenza das editoras Embora, Malafera, Cuarto de Inverno, Knowmadas Books e Mundos Flotantes, que virán desde Murcia e Madrid respectivamente, e as librarías Pilar, Pedreira e Fuego, que formarán entre todos os puntos de venda de libros para o público asistente. Unha das novidades desta edición é a incorporación da artesanía e da fotografía da man dos stands de La Platanera e Cando chove e fai sol.

A feira, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, desenvolverá as súas actividades nas Pistas do Rabazal, no centro da localidade, que se converterá no epicentro literario e cultural do verán galego con este evento que fará as delicias dos amantes dos libros e da cultura.

Programación

Venres 19 de xullo

17:00 h: Apertura de actividades, sinaturas de exemplares e venda de libros.
18:00 h: Conversa “Verbas dende o mar”, con Branca Riestra e Xurxo Souto.
19:00 h: Faladoiro “Como tratamos á natureza?”, con Alba Carballal e Pablo J. Rañales. Moderado por María Nieto.
19:45 h: Benvida da feira por parte do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo.
20:00 h: Conversa “Crime en Compostela”, con Arantza Portabales e Marta Estévez.
21:00 h: Espectáculo humorístico “Parasimpáticas”, a cargo das Izquierdo Sisters.

Sábado 20 de xullo

11:00 h: Apertura de actividades, sinatura de exemplares e venda de libros.

11:30 h: Charla “Pequenas grandes lecturas”, entre Paula Merlán e Marta Villar.

12:30 h: Espectáculo infantil “Brinca Vai”, con Paco Nogueiras.

13:30 h: Faladoiro “O futuro nas verbas”, con Antía Yáñez, Antonio M. Fraga e Andrea Maceiras. Moderado por Violeta Meléndrez.

15:00 h: Encontro literario “Entre verbas e petiscos” con usuarios de clubs de lectura no restaurante A Carbonera.

17:00 h: Charla “Desvelando a Historia: de Cleopatra a Felipe II”, con Rodrigo Costoya e Emma Lira.

17:45 h: Faladoiro “Novas letras galegas”, con Sica Romero, Pablo J. Rañales, Miriam Beizana Vigo e Fabio Rivas. Moderado por Telmo Celeiro.

18:30 h: Faladoiro “A revolución do Noir”, con Men Marías, Celeste Bena de Rette e May. R. Ayamonte. Moderado por Natalia Monje.

19:15 h: Charla “Historia do Norte”, con Ana Lena Rivera e Ulises Bértolo. Moderado por Iago Fandiño.

20:00 h: Charla “A política nos libros”, con Diego Ameixeiras e Pedro Feijóo.

20:00 h: Actuación musical de Soul & Roll.

Domingo 21 de xullo

10:00 h: Apertura de actividades, sinatura de exemplares e venda de libros.

11:00 h: Ruta poética “Metanoia dos Sentidos”, con Yolanda Castaño, Manuel Rivas, Lúa Mosquetera e Sol Mariño.

11:30 h: Micro aberto de poesía “Rimas e Flores”.

12:30 h: Espectáculo infantil “Animaladas”, a cargo de Teatro Calavera.

13:30 h: Charla “Versos galegos”, con Yolanda Castaño e Manuel Rivas. Moderado por Branca Riestra.

15:00 h: Encontro literario con clubs de lectura “Entre verbas e petiscos”, no restaurante A Carbonera.

17:00 h: Micro aberto de poesía “Cerimonia de gaivotas”, coordinado por Branca Trigo.

18:00 h: Faladoiro “Cara onde vai a poesía?”, con Lúa Mosquetera, Samuel Merino e Branca Trigo.

19:00 h: Charla “Poemas dende a experiencia”, con Elba Pedrosa, Pilar Astray e Sol Mariño. Moderado por Emma Pedreira.

 

 

 

0.091248989105225