A II Feira GastroLexítimo de Paderne pecha con éxito e afianza a súa presenza na comarca

ACoruñaXa
Centos de persoas se achegaron ao evento para desfrutar da riqueza gastronómica e vitivinícola da zona
feira-paderne
7 Jul 2025

A parroquia da Esperela, no concello de Paderne, acolleu a segunda edición da Feira GastroLexítimo, que rematou deixando un excelente balance de participación e ambiente. Centos de persoas achegáronse ao evento para desfrutar da riqueza gastronómica e vitivinícola da zona, cun protagonismo especial para o Branco Lexítimo, variedade emblemática do municipio.

O alcalde, Sergio Platas, valorou moi positivamente a acollida do público: “é xa unha cita consolidada, non só no municipio, senón tamén na comarca, algo que quedou demostrado tanto onte como hoxe, rexistrando un gran número de asistentes”.

A xornada do domingo estivo marcada polo deporte e o lecer, coa celebración do II Trail e Andaina Feira GastroLexítimo. A proba reuniu arredor de 350 participantes, repartidos entre o trail absoluto de 22 quilómetros, o minitrail de 10 quilómetros e un pequetrail pensado para os máis pequenos, cun percorrido de 1.200 metros. A entrega de premios puxo o broche final a unha mañá intensa de actividade física.

No apartado enolóxico, unha das propostas máis destacadas foron as catas de viño dirixidas polo experto Alejandro Paadín. A sesión deste domingo celebrouse a cegas e por parellas, cunha alta participación de persoas interesadas en afondar nas características do Branco Lexítimo e doutras variedades da zona.

A programación da feira completouse cunha experiencia gastronómica guiada polo recoñecido cociñeiro Miguel Mosteiro, que fixo as delicias do público asistente. Pasacalles, obradoiros e actividades infantís puxeron o toque lúdico a unha xornada que, segundo a organización, confirma a boa acollida desta feira e o seu potencial de futuro como referente gastronómico e cultural na comarca.

.

⚙ Configurar cookies
0.14867687225342