A hostalería da Coruña rendirá tributo ao cómic con menús especiais durante Viñetas desde o Atlántico 2024
A hostalería coruñesa preparará pratos en homenaxe ao mundo do cómic durante a celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024. Viñetas Ñam! é unha nova (e innovadora) iniciativa no marco da celebración da 27ª edición deste Salón Internacional do Cómic da Coruña: un minifestival gastronómico que se desenvolverá do 12 ao 18 de agosto en diferentes locais da cidade, con propostas gastronómicas que farán as delicias dos fans da BD que buscan unha experiencia completa durante o festival.
A Cervezoteca Malte preparará dúas receitas para a ocasión, inspiradas no ‘Corto Maltés’, todo un mito literario do século XX creado polo historietista italiano Hugo Pratt: ‘Pastizzi’, un dos pratos máis típicos da gastronomía de Malta, en Malte Atochas; e ‘Kokoda’, polo primeiro título da serie, Balada do mar salgado, en Malte Galera.
Mentres, na praza de España, a Pulpeira de Melide ofrecerá as ‘Irmás Gilda’: unha banderilla de vieira mariñada e encurtidos, aderezada cunha vinagreta de algas, en recordo das populares Leovigilda e Hermenegilda, do autor español Vázquez. Finalmente, ‘13, Rue del Percebe’ será a historieta na que se inspirará La Marina by María para idear a súa primeira proposta gastronómica, un orixinal paté de percebe, en honor a Francisco Ibáñez; como segunda opción, o local da ruela da Estacada homenaxeará a Marvel para propoñer o seu particular ‘Doutor Octopus’, que a propia María presenta así: “Spider-Man vence ao seu antagonista e déixao feito un auténtico paté de mar”.
Pola súa banda, a tradicional Rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico, situada nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, contará cun stand gastronómico, LOBO, no que o público poderá degustar diferentes bocadillos inspirados en afamadas historietas e unha selección de hamburguesas gourmet dedicadas a personaxes do cómic americano (entre elas, unha en homenaxe a Lobo, o antiheroe creado por Roger Slifer e Keith Giffen para DC Cómics), ademais de cafés e bebidas, en horario de 11.00 a 21.30 horas.