A ‘Gran Recollida’ do Banco de Alimentos celebrarase o 7 e 8 de novembro en máis de 200 supermercados da provincia da Coruña

ACoruñaXa
O Banco de Alimentos da provincia da Coruña chama á participación de 3.000 voluntarios para afrontar o aumento da demanda
A CORUÑA gran recollida
1 Nov 2025

O Banco de Alimentos da provincia da Coruña organiza os días 7 e 8 de novembro a súa tradicional Gran Recollida, a campaña solidaria máis importante do ano, que se desenvolverá en máis de 200 supermercados da provincia. A entidade anima a toda a veciñanza a colaborar, ben como voluntariado, ben facendo doazóns de alimentos non perecedoiros nos establecementos participantes.

Esta edición chega cunha novidade destacada: os bancos de alimentos de Ferrol, Santiago e A Coruña unificáronse nunha soa entidade baixo a denominación ‘Banco de Alimentos da provincia da Coruña’. O obxectivo é sumar esforzos, axilizar a recepción de axudas e mellorar a distribución, respondendo con maior eficacia ao crecemento da demanda.

Durante o ano 2024 repartíronse máis de 1.710.000 quilos de alimentos (1.248.000 desde A Coruña, 280.000 desde Ferrol e 182.000 desde Santiago). Ademais, as entidades beneficiarias pasaron de 120 a 160, o que supón un incremento importante do traballo de loxística e distribución.

O padriño da campaña deste ano é o presentador José Ramón Gayoso, coñecido polo programa ‘Luar’ da Televisión de Galicia, quen quixo destacar a importancia do voluntariado e o labor que desenvolve o Banco de Alimentos. A entidade lembra que participar como voluntario supón doar só tres horas do tempo persoal para informar aos clientes e facilitar as doazóns nos supermercados.

O Banco de Alimentos da provincia da Coruña fai un chamamento á solidariedade para garantir o abastecemento das entidades sociais colaboradoras nos próximos meses e seguir apoiando a milleiros de familias da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.07383394241333