A gran familia de Raíña Paraiso

Por Noelia Uceira Vilar
Nas portas da asociación recibíronnos cos brazos abertos Raquel e Silvia, que pertencen ao equipo. Axiña entendemos que Raíña Paraiso non é só un lugar nin un par de nomes, senón unha familia que medra día a día. Arredor de vinte persoas traballan aquí cada semana para que ninguén quede só no camiño e para que sempre haxa unha cadeira libre na mesa e un oído atento ao outro lado do teléfono.
O programa Companio é o corazón da casa. A iniciativa promove o encontro para persoas maiores que viven en Vilasantar, Curtis, Mesía ou noutros concellos da contorna e que precisan compañía e bo ánimo ao seu redor. A xornada comeza co transporte dende os fogares para que ninguén quede atrás e continúa con actividades lúdicas, culturais e terapéuticas que axudan a mover o corpo, activar a memoria e compartir vida. O día péchase cun xantar ecolóxico compartido, onde o prato principal é sentirse acompañadas.
Companio botou a andar con tres persoas que creron no proxecto cando era só unha semente. Co boca a boca, hoxe xúntanse arredor dunha vintena en cada xornada. O que segue intacto é a calor da acollida e esa frase de 'pasa, como na túa casa'.

Esta semana a actividade foi un paseo por Ordes, onde camiñaron polo Paseo Ramiro Recouso, deixando que o río marcara o ritmo. De volta á asociación, agardaba un xantar ecolóxico, conversa tranquila e tarta de mazá para celebrar o aniversario dun dos membros. A sobremesa alongouse entre xogos de mesa e contos compartidos. E aquí chegou a escena máis tenra do día, xa que o fillo dunha das traballadoras, con menos de dez anos, quedou xogando e compartindo co grupo. Entre risas, cartas e complicidades cruzadas, a sala acolleu esa aura das cousas que realmente importan.
Aquí repítese unha idea sinxela: 'somos unha familia'. E demóstrase nos detalles. Raquel lembra unha chamada que non puido atender ao momento e, cando devolveu a chamada, xa non respondían. Entón avisou un veciño —tamén participante do programa— e axiña comprobou que todo ía ben. Así funciona Raíña Paraiso, unha cadea de coidados que se activa sen ruído. Tamén destacan que o programa fai que moita xente se coñeza e despois faga lazos fóra da asociación: 'aquí veñen pasar o día, pero despois moitos quedan fóra e fan vida xuntos'.

A asociación tamén conta cun obradoiro no que cada día se elaboran doces e salgados sen gluten e ecolóxicos — galletas, pastas, biscoitos, empanadas e empanadiñas — preparados de maneira artesanal con ingredientes de alta calidade. É alimento, pero tamén identidade e oficio. Ese mesmo fío lévanos á horta ecolóxica, onde medran as verduras de tempada que abastecen o seu propio comedor, pero tamén comedores colectivos, como os escolares ou os de empresa (como Inditex), promovendo unha alimentación saudábel, sostíbel e consciente que volta á comunidade.
A asociación destaca, ademais, a relación co Concello de Vilasantar, que é constante a través dos servizos de Asuntos Sociais e Cultura, cos que colaboran para detectar necesidades, organizar obradoiros e abrir pontes cos centros educativos.
Este gran camiño, que comezou en 2015, tamén foi avalado pola Deputación da Coruña cun premio de boas prácticas. Un recoñecemento público que confirma o que se sente ao cruzar esta porta: que coidar en comunidade mellora a vida.