A Garda Civil desmantela un grupo acusado de roubar en estacións de servizo na Coruña e a contorna

ACoruñaXa
Hai catro detidos por oito roubos con forza en Arteixo, Abegondo, Sada e A Coruña, centrados nos caixóns de moedas dos boxes de lavado
autolavado xenérica
29 Jan 2026

A Garda Civil deu por pechada a chamada 'Operación Caxetins' coa detención de catro persoas ás que se lles atribúen oito roubos con forza en estacións de servizo da provincia, principalmente en Arteixo, Abegondo, Sada e no termo municipal da Coruña. A investigación foi desenvolvida pola Área de Investigación do posto principal de Arteixo, coa coordinación das unidades de Sada e Abegondo e apoio da Policía Nacional, ao sospeitarse que se trataba dun grupo itinerante e organizado.

Segundo as fontes consultadas, os asaltos seguían un patrón repetido: os implicados actuaban sobre os caixóns de moedas dos boxes de lavado de vehículos, provocando danos nas instalacións para facerse con efectivo. A investigación avanzou cando os axentes lograron ligar os feitos a un mesmo turismo, descrito como azul escuro, presente nos distintos roubos.

As detencións realizáronse de maneira escalonada durante xaneiro. A primeira tivo lugar o 22 de xaneiro, cando un dos sospeitosos foi interceptado mentres circulaba pola A-6. O 26 de xaneiro, a Garda Civil localizou e detivo a outros membros do grupo nun inmoble ocupado na cidade da Coruña, e completou o operativo esa mesma tarde coa detención do cuarto implicado.

A operación permitiu esclarecer roubos en estacións de servizo situadas na Coruña, Meicende (Arteixo), Abegondo e Sada. O botín en metálico estímase en 900 euros, mentres que os danos materiais superan os 1.900 euros, segundo o balance policial. Os detidos e as dilixencias foron postos a disposición do Xulgado de Garda da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.078954935073853