A Galicia Design Week volverá á Coruña do 14 ao 23 de maio cunha edición centrada no sector profesional

A sexta edición da Galicia Design Week (GDW) celebrarase do 14 ao 23 de maio na Coruña e volverá converter a cidade no principal punto de encontro do deseño galego. O festival regresará a rúas e espazos singulares cunha programación que busca achegar á cidadanía o peso do deseño no eido cultural, social e empresarial, pero que nesta edición pon o acento en consolidar a súa vertente máis profesional.
O calendario combinará obradoiros para profesionais, visitas de figuras e entidades de ámbito estatal e internacional, exposicións e parladoiros abertos ao público, xunto con presentacións en primicia de novos produtos. A proposta completarase con música e gastronomía, mantendo o formato híbrido que caracteriza a GDW.
A organización subliña tamén a súa posición no mapa do deseño: a GDW forma parte da rede World Design Weeks e preséntase como un dos poucos festivais da península integrados nesta plataforma internacional, xunto coa Barcelona Design Week. Ao longo das súas anteriores edicións, o evento deu visibilidade a disciplinas que van desde a arquitectura ao audiovisual, o dixital, a fotografía, a ilustración, a moda, o packaging, o son ou a tipografía, combinando nomes recoñecidos con creadoras e creadores galegos.
A imaxe deste 2026 volve levar a sinatura do estudo coruñés Vagrant, con sede na Cidade Vella. O seu sistema visual escolle o vento como eixo creativo, inspirado na Coruña como ‘cidade do vento’ e nunha representación que se espalla polo territorio a través de formas abstractas. A dirección creativa corre a cargo de Illán Vega e Jacobo Galán.
A Galicia Design Week, codirixida por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, foi creada en 2021 pola axencia galega FOLLOW e desde 2024 está coorganizada pola asociación Galicia Design. A edición de 2026 conta co apoio do Ministerio de Cultura e de empresas e entidades colaboradoras do ámbito privado.