A Galicia Design Week quenta motores para a súa sexta edición na Coruña

ACoruñaXa
Na súa anterior edición, máis de 50.000 persoas participaron nas diversas actividades no eido do deseño galego
250312_festival_x-4
14 Mar 2025

A Coruña acollerá a sexta edición da Galicia Design Week do 17 ao 24 de maio, un evento artístico multidisciplinar que busca poñer en valor o deseño galego e o seu impacto no sector profesional e cultural. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, mantiveron unha primeira reunión cos promotores do evento, Marta González Rivas e Alejandro Rico Caramés, para explorar posibles vías de colaboración entre a Xunta de Galicia e a organización.

Este festival, único no noroeste peninsular, abrangue unha ampla gama de disciplinas como a arquitectura, a animación, o audiovisual, o branding, a dirección creativa, a arte, a gráfica, a fotografía ou a edición. Integrado na rede internacional World Design Weeks, a Galicia Design Week destacarase por ser un evento híbrido, combinando actividades presenciais e dixitais, e baixo os principios de sustentabilidade.

O obxectivo da Galicia Design Week é crear comunidade e destacar boas prácticas, fomentando a colaboración e a xeración de proxectos que abran o deseño galego ao exterior.

Ademais, promove a formación das novas xeracións de profesionais e a participación cidadá en actividades como conferencias, presentacións, exposicións, talleres, proxeccións, experiencias gastronómicas e sesións musicais. Na súa anterior edición, máis de 50.000 persoas participaron nas diversas actividades, reafirmando o evento como unha cita de relevancia social e empresarial na cidade.

⚙ Configurar cookies
0.29649591445923