A gala dos premios de deporte da Deputación será o 12 de abril no Teatro Colón

ACoruñaXa
Os galardóns da Deputación buscan distinguir publicamente a deportistas e entidades que destaquen pola súa traxectoria, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva
Imaxe da reunión do xurado dos premios deportivos da Deputación da Coruña
18 Mar 2024

O Teatro Colón da Coruña acollerá o venres, 12 de abril, a partir das 20.00 horas, a gran festa do deporte da provincia da Coruña: a III edición dos Premios do Deporte Deputación da Coruña, cos que a institución provincial quere homenaxear e recoñecer o talento e o esforzo dos mellores deportistas coruñeses.

A sede da Deputación na cidade acolleu hoxe a reunión do xurado, presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro e integrado por profesionais de referencia no eido da información deportiva como Paulo Alonso, xefe de Deportes de La Voz de Galicia, María Varela, xornalista de Deportes de La Opinión de A Coruña; Fran Hermida, xefe de Deportes de Radio Coruña-SER; Leticia Chas, xornalista de Cope Galicia e Patricia Rodríguez Juste, da TVG.

A Gala estará conducida polo xornalista Terio Carrera e amenizada con actuacións musicais e humor. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo do teatro.

O fallo darase a coñecer durante a Gala do Deporte, na que a Deputación reunirá a representantes dos centos de clubs e entidades das numerosas disciplinas deportivas que se practican na provincia, así como persoeiros destacados do mundo do deporte galego.

Os galardóns contan con 15 categorías diferentes Mellor deportista masculino, Mellor deportista feminina, Mellor deportista veterano masculino, Mellor deportista veterana feminina, Mellor deportista promesa masculino categoría base, Mellor deportista promesa feminina categoría base, Mellor deportista con diversidade funcional masculino, Mellor deportista con diversidade funcional feminina, Mellor adestrador, Mellor árbitro/a xuíz/a, Mellor entidade colaboradora, mellor evento deportivo, mellor entidade na promoción do deporte de base, mellor entidade na promoción do deporte inclusivo e premio a toda unha vida dedicada ao deporte

A maiores, o xurado resérvase o dereito de realizar ata catro mencións para aquelas persoas ou entidades que desenvolvesen unha actuación no ámbito do deporte digna de ser destacada a nivel provincial.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18245697021484