A Gala do Deporte reunirá no Colón a elite e a base do deporte coruñés o 20 de marzo

ACoruñaXa
O xurado da IV edición dos premios reuniuse este 24 de febreiro na Deputación e o fallo darase a coñecer nun acto con representación de centos de clubs da provincia
DEPU CORU jurado premios deportes 2026
24 Feb 2026

A Deputación da Coruña celebrou este 24 de febreiro a reunión do xurado da IV edición dos Premios do Deporte, unha convocatoria coa que a institución provincial busca distinguir publicamente persoas e entidades que salientan pola súa traxectoria, polos seus logros ou pola súa contribución á promoción da práctica deportiva.

O xurado está presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, e está integrado por profesionais do ámbito da información deportiva.

O fallo farase público na Gala do Deporte que a Deputación organiza o 20 de marzo no Teatro Colón, na cidade herculina. A cita contará coa presenza de representantes de centos de clubs e de persoeiros destacados do ámbito deportivo da provincia.

Nesta edición establécense quince categorías, co obxectivo de recoñecer o labor de deportistas, clubs, adestradores, árbitros, entidades colaboradoras e iniciativas que contribúen á promoción do deporte na provincia da Coruña. Antonio Leira explicou que a Deputación aposta por un modelo no que teñen cabida tanto as grandes figuras como o traballo silencioso e constante de moitas persoas e entidades que fan posible que o deporte chegue a todos os concellos.

Ademais das quince categorías oficiais, o xurado poderá conceder recoñecementos adicionais, a título individual ou colectivo, a aquelas persoas ou entidades que realizasen unha labor ou desenvolvesen unha actuación no ámbito deportivo digna de ser destacada a nivel provincial.

0.091285943984985