A gala de Coruña Corre presentará a 12ª edición do circuíto de carreiras populares
O Concello da Coruña acollerá o venres 17 de xaneiro, no Centro Sociocultural Ágora, a gala do undécimo circuíto de carreiras populares Coruña Corre. O acto, que comezará ás 20.15 horas, servirá para pechar a edición de 2024 e presentar as probas que integrarán a nova edición de 2025.
A gala estará presidida pola alcaldesa, Inés Rey, e conducida por Xalo Maira, animador habitual das carreiras, quen estará acompañado pola humorista Cata Ukelele. O evento contará tamén con música en vivo, a entrega de premios aos gañadores das distintas categorías e un recoñecemento especial para aquelas persoas que completaron entre 5 e 7 das carreiras do circuíto.
No ano 2024, o circuíto Coruña Corre estivo composto por sete carreiras: a XII Carreira Popular Torre de Hércules, a XV Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma, a XI Carreira Popular Os Rosales, a VIII Carreira Popular Matogrande-Xuxán, a XI Carreira Popular Volta a Oza, a X Carreira Popular Ventorrillo e a XII Carreira Popular Novo Mesoiro. Nesta edición tamén se integrou o barrio de Xuxán na carreira de Matogrande, cumprindo un compromiso da alcaldesa coa veciñanza da zona.
Segundo destacou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, Coruña Corre chega á súa 12ª edición consolidado como o circuíto de carreiras populares con maior participación en Galicia. “Estas carreiras integran os barrios na programación deportiva municipal e promoven hábitos saudables entre persoas de todas as idades”, afirmou.