A Fundación Sergio Villar patrocinará á SD Santa Margarita nas dúas próximas tempadas

ACoruñaXa
O acordo chega tras coñecer o labor social do club, que aposta polos valores e a inclusión dos máis pequenos a través do deporte
A CORUÑA sd margarita fundacion sergio villar
27 Oct 2025

A Fundación Sergio Villar será o novo patrocinador principal da SD Santa Margarita durante as dúas próximas tempadas. O acordo nace despois de que a Fundación coñecera o traballo social e educativo que o club está a desenvolver no barrio, centrado en recuperar o proxecto deportivo desde a base e en promover un modelo inclusivo, onde os valores e a convivencia teñan máis peso ca os resultados.

Segundo explica a Fundación, a nova directiva da SD Santa Margarita está impulsando un proxecto que pon o foco nos máis pequenos e no acceso aberto ao deporte. Un exemplo foron os adestramentos ao aire libre que organizaron no verán, levando o material deportivo aos parques para que calquera neno ou nena puidese participar. Grazas a esa iniciativa, moitos rapaces comezaron a sentirse parte do club e incorporáronse á súa escola deportiva.

Desde a Fundación Sergio Villar subliñan que este patrocinio busca acompañar un proxecto con futuro e apoiar a súa consolidación. Detrás do acordo hai unha vontade clara de medrar xuntos, facendo que o deporte de base sexa tamén un espazo de formación e de comunidade.

A entidade agradeceu expresamente a Nacho, Rafa, a directiva e todas as familias do club pola súa acollida e pola confianza depositada. 'O importante é compartir ilusións e sumar esforzos para construír modelos deportivos que poidan servir de exemplo no futuro', sinalan desde a Fundación.

⚙ Configurar cookies
0.071931123733521