A fundación Paideia abre en Pocomaco un novo estudo profesional para impulsar proxectos audiovisuais e creativos

A Fundación Paideia Galiza dará a coñecer o luns 16 de marzo, entre as 12.30 e as 13.30 horas, o novo Espazo Audiovisual Mans, situado no Centro de Iniciativas Empresariais Mans, no polígono de Pocomaco da Coruña. Trátase dun estudo fotográfico e audiovisual profesional equipado cun ciclorama con frontais e laterais infinitos, unha infraestrutura coa que a entidade busca reforzar o apoio ao emprendemento, á creatividade e á innovación social.
O novo espazo nace coa intención de ofrecer ferramentas profesionais e accesibles para facilitar a creación de fotografía e material audiovisual orientado á promoción de proxectos, á comunicación dixital e ao desenvolvemento de marca. A iniciativa está dirixida a emprendedores e emprendedoras, proxectos artísticos e pequenas empresas que precisen mellorar a súa produción visual e profesionalizar a súa imaxe.
A presentación contará coa colaboración da Deputación da Coruña e incluirá unha benvida institucional a cargo de Guillermo Vergara, en representación da Fundación Paideia Galiza, e de Yoya Neira, pola institución provincial. O programa inclúe tamén unha breve charla con profesionais do sector audiovisual sobre as posibilidades do ciclorama e unha simulación dun shooting profesional, na que se realizará unha demostración práctica de iluminación e unha sesión de exemplo.
O acto rematará cun espazo para preguntas do público e cun petisco final pensado para favorecer o networking e o intercambio entre profesionais. Con esta nova dotación, Paideia amplía os servizos do CIE Mans e reforza a súa aposta por crear recursos útiles para quen desenvolve proxectos empresariais, culturais ou creativos na Coruña.