A Fundación Juana de la Vega convoca unha nova edición Premio de Intervencións na Paisaxe 2025

A Fundación Juana de Vega ten aberta a convocatoria no Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, na categoría de Intervencións en espazos exteriores públicos e privados, co obxectivo de recoñecer aquelas intervencións que contribúan a mellorar a calidade da paisaxe da nosa comunidade.
Admitiranse proxectos realizados en Galicia e acabados entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2024. As candidaturas poden ser presentadas ata o venres, 4 de xullo (todo o día) polos autores, promotores ou por un terceiro, incluídas asociacións ou outras entidades que teñan coñecemento de proxectos que, ao seu xuízo, poidan ser merecedoras dos premios.
Entre os proxectos recibidos, o xurado valorará aspectos como a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe; a incorporación de criterios de sostibilidade, uso racional dos materiais, estratexias de proximidade e economía circular. Tamén terán en conta a adecuación da intervención realizada aos usos previstos e a capacidade da obra de converterse nunha referencia social.
Premio e accésits
O premio ten unha dotación económica de 6.000 euros. No caso de que o proxecto sexa de promoción privada, o xurado poderá repartir o galardón entre os autores e os promotores, podendo percibir este último non máis do 50%. A criterio do xurado tamén poderán concederse dous accésits, dotados cada un deles cun diploma e 1.500 euros.
As candidaturas deberán presentarse por correo postal ou presencialmente na sede da Fundación Juana de Vega, localizada en San Pedro de Nós, Oleiros (A Coruña). As bases da convocatoria e os anexos poden consultarse e descargarse na web www.juanadevega.org.
Máis de vinte anos recoñecendo o valor da paisaxe
O Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe xurdiu en 2004 do convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade por incidir directamente no seu benestar físico e social e por ser un recurso socioeconómico de enorme potencial. Cada unha das tres categorías actuais: “Intervencións privadas no patrimonio construído”, “Edificacións e instalacións produtivas no medio rural” e “Intervencións en espazos exteriores”, convócanse cada tres anos de forma rotatoria.
No caso das “Intervencións en espazos exteriores”, este 2025 é a cuarta vez que se fai pública para recibir propostas, datando as anteriores edicións dos anos 2016, 2019 e 2022. Ata o momento, o xurado recoñeceu un total de oito obras, entre as que se atopa a restauración das lagoas na Reserva de Biosfera de Terras do Miño, o Xardín do Teatro no Monte Gaiás, en Santiago de Compostela, ou a Escola Infantil en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra).