A fundación forGA ofrece cursos gratuítos en Oleiros para persoas desempregadas

A Fundación para a Orientación Profesional de Galiza (forGA) impulsa en Oleiros unha nova convocatoria formativa dirixida a persoas desempregadas co obxectivo de facilitar a súa inserción no mercado laboral. A súa sede no municipio acollerá a partir de setembro cinco cursos de especialización, todos eles 100 % subvencionados.
A oferta inclúe formación en sectores con alta demanda: Soldadura por arco con electrodo revestido, Soldadura TIG (por arco baixo gas protector con electrodo non consumible), Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, Actividades administrativas na relación co cliente e Habilitación para a docencia en graos A, B e C do sistema de Formación Profesional.
A responsable da sede de forGA en Oleiros, María Louro, destacou que se trata de accións formativas “cunha orientación moi práctica, que impulsan a empregabilidade e a inserción laboral das persoas que os realizan, xa que saen coa capacitación profesional que demanda o mercado de traballo”.
Cada curso conta cun límite de 15 prazas e require un único requisito para acceder: estar inscrito como demandante de emprego. As persoas interesadas deben formalizar a súa solicitude a través da web oficial da entidade.
A formación inclúe tamén prácticas en empresas e un módulo de prevención de riscos laborais, así como a obtención dun certificado oficial que acredita as competencias adquiridas, facilitando así a incorporación inmediata ao mundo laboral.