A Fundación do Globo de San Roque presenta os produtos conmemorativos polo 150 aniversario

A Fundación do Globo de San Roque presentou esta semana a colección de produtos conmemorativos que porá á venda con motivo do 150 aniversario da elevación do globo de Claudino Pita Pandelo, un dos símbolos máis recoñecibles das festas de San Roque en Betanzos.
Segundo explicou a alcaldesa, María Barral, tamén presidenta da entidade, o obxectivo desta iniciativa é dobre: por unha banda, “ter un recordo desta efeméride tan importante para os betanceiros”; e, por outra, contribuír economicamente ás actividades que se desenvolverán ao longo do ano dentro do programa conmemorativo.
O merchandising incluirá distintos artigos coa imaxe oficial do 150 aniversario: sudadeiras (20 euros), camisetas (10 euros), tazas (5 euros), abridores e chaveiros (2,5 euros), pulseiras (1,5 euros), bolígrafos (2 euros) e abanicos (4 euros). A venda comezará este luns na Oficina de Turismo, en horario de 10.00 a 15.00 e de 16.00 a 19.00 de luns a venres, e de 11.00 a 14.00 os sábados e domingos. A compra só poderá realizarse en efectivo, xa que a Fundación non dispón de TPV.
Toda a recadación destinarase integramente a apoiar a entidade, que actualmente só conta coa axuda económica municipal para a confección do Globo que se lanzará o 16 de agosto. Ademais da Oficina de Turismo, voluntarios da Fundación instalarán postos de venda en determinados días na praza García Hermanos, e calquera comercio interesado en colaborar poderá sumarse, dirixíndose á Oficina de Turismo nos próximos días.
Paralelamente, xa se inscribiron unhas 80 persoas para participar nas visitas e no proceso de elaboración do Globo de San Roque, unha proposta que tamén forma parte dos actos do 150 aniversario. A Fundación abrira un prazo de solicitude, a través do Concello, para que veciños e veciñas de todas as idades poidan vivir en primeira persoa a experiencia de colaborar na creación do globo.
A partir de agora, organizaranse os grupos de traballo que colaborarán durante os meses de verán para garantir que o Globo estea rematado e listo para o seu tradicional lanzamento o 16 de agosto.