A Fundación Barrié acolle este venres unhas xornadas con especialistas no Párkinson

ACoruñaXa
As xornadas, que tamén se ofrecerán por streaming, son abertas e para asistencia presencial, por cuestións de aforo
Imaxe das xornadas Párkinson na Coruña
18 Apr 2024

Este venres, a entidade membro de COGAMI, Párkinson Galicia Coruña organiza as V Xornadas de Párkinson: Investigación e Innovación na EP nas instalacións da Fundación Barrié de A Coruña.

O evento dará comezo ás 9.30 horas e estará ata as 18.30 horas. Trala inauguración deste evento a cargo do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta, Antón Acevedo, a concelleira de Benestar Social do Concello de A Coruña, Yoya Neira, e a presidenta da asociación Párkinson Galicia Coruña, Milra Oreiro, iniciarán as ponencias, foros e mesas redondas nas que 16 profesionais da medicina e especialistas no tratamento do párkinson, proporcionarán unha visión completa do presente e futuro desta patoloxía.

Entre os temas que se van tratar atópanse: 'Unha visión 360º do párkinson na actualidade. Libro branco do párkinson'; 'Que nos aporta a intelixencia artificial?'; 'O papel das persoas na investigación. Un ti a ti'; 'Novos tratamentos farmacolóxicos aprobados en investigación. O paciente, a prioridade'; 'Como inflúe a xenética na enfermidade de párkinson? Últimas investigacións'; 'Investigación e innovación na enfermidade do párkinson'.

A xornada estará aberta a toda a cidadanía malia que, por cuestións de aforo, será necesario reservar praza enviando un correo electrónico a info@parkinsongaliciacoruna.org no que se debe indicar o nome, apelidos e número de teléfono da persoa que vai asistir. Outra maneira de poder seguir a xornada é a través de streaming, inscribíndose na canle Youtube da entidade no seguinte enlace.

0.14524698257446