A folga indefinida do bus pon en alerta os desprazamentos na provincia da Coruña desde este mércores

ACoruñaXa
O paro retómase tras fracasar a última mediación e cun preacordo xa rexeitado pola plantilla, mentras a Xunta mantén servizos mínimos en liñas interurbanas, escolares e de centros socioasistenciais
A CORUÑA manifa bus 5ª
10 Feb 2026

A provincia da Coruña encamiñase a un novo escenario de incerteza no transporte por estrada. A folga indefinida no sector do autobús retómase este mércores 11, salvo xiro de última hora, despois de que a reunión de mediación celebrada este luns volvese rematar sen un entendemento que desbloquee o conflito.

A convocatoria chega tras o ‘non’ maioritario do persoal ao preacordo alcanzado a comezos de mes: segundo o reconto difundido polas organizacións sindicais, a proposta foi rexeitada por 831 votos fronte a 336, unha votación na que tivo un peso relevante o colectivo de acompañantes do transporte escolar.

No fondo da negociación está a actualización do convenio provincial e a mellora de condicións laborais e salariais. No documento que se puxo enriba da mesa figuraban, entre outras medidas, unha suba do 3,4% para 2025 e 2026 con efectos retroactivos, a redución da xornada anual a 1.800 horas e complementos como o plus de xornada continuada de 8 euros ao día para o persoal de condución.

Para as persoas usuarias, o impacto pode sentirse no día a día, especialmente nos desprazamentos por estudos e traballo, onde o autobús é a única alternativa real en moitos concellos. En anteriores xornadas de paro, a experiencia xa deixou estacións con pouca oferta e viaxeiros buscando solucións no coche compartido ou reorganizando horarios familiares.

A Xunta ten fixados servizos mínimos para garantir unha mobilidade básica mentres dure a folga. Nas rutas de menos de 25 quilómetros establécese o 50% das expedicións nas franxas de 6.00 a 9.00 e de 18.00 a 21.00 horas; nas liñas de máis de 25 quilómetros con conexión entre a provincia e as sete cidades galegas, mantense unha ida e unha volta con saídas antes das 14.00 e despois das 18.00 horas.

No transporte escolar e nos servizos integrados con reserva de praza para estudantes, mantéñense as rutas de máis de 4 quilómetros; e tamén se consideran esenciais os servizos para persoas traballadoras (antes das 9.00 e despois das 18.00 horas) e os desprazamentos a centros de día e de atención á discapacidade, con entradas entre 8.00 e 11.30 e saídas entre 16.30 e 20.00 horas.

Co paro xa ás portas, as partes volverán verse nunha nova cita de mediación prevista para o xoves 12, mentres medra a presión para atopar unha saída que evite que a folga se alongue no tempo.

⚙ Configurar cookies
0.097465991973877