A folga do autobús na provincia da Coruña supera o ecuador e volve parar este luns 19

ACoruñaXa
Tras tres xornadas de paro (12, 13 e 16 de xaneiro), o conflito entra no seu cuarto día e repetirá o martes 20 e o venres 23, coa ameaza dunha folga indefinida desde o 2 de febreiro
A CORUÑA folga estacion bus
19 Jan 2026

A folga do transporte de viaxeiros en autobús por estrada na provincia da Coruña volve sentirse este luns 19 de xaneiro, nunha semana clave na que xa se superou a metade das seis xornadas de paro programadas para este mes. Tras os paros dos días 12, 13 e 16, a protesta entra hoxe no seu cuarto capítulo e continuará tamén o martes 20 e o venres 23.

Os sindicatos CIG, UGT e CCOO sosteñen as mobilizacións no marco da negociación do convenio provincial, caducado desde hai anos, e reclaman melloras salariais, límites ás xornadas que consideran excesivas e avances reais en conciliación e condicións laborais nun servizo que, ademais, arrastra problemas de persoal e cumprimento das concesións.

A Xunta fixou servizos mínimos para as xornadas de folga. Entre os criterios principais, nas rutas non integradas de menos de 25 quilómetros establécese o 50% das expedicións nas franxas de 06.00 a 09.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas; e nas liñas de máis de 25 quilómetros con orixe ou destino nalgunha das sete cidades galegas, unha expedición de ida e outra de volta con saída anterior ás 14.00 horas e posterior ás 18.00 horas. A orde tamén concreta o alcance da convocatoria, vencellada ao convenio provincial do sector e a centros de traballo na provincia.

Mentres non haxa avances na negociación, as centrais manteñen sobre a mesa o seguinte paso: unha folga indefinida a partir do 2 de febreiro.

⚙ Configurar cookies
0.078210830688477