A firma D-due faise co I Premio Luís Seoane de deseño pola súa aposta internacional dende o local

ACoruñaXa
O galardón premia a traxectoria e a visión singular da marca rianxeira
luis-seone-dep
12 Jun 2025

A firma de moda D-due, con sede en Rianxo, vén de ser recoñecida co I Premio Luís Seoane de deseño, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña. O galardón premia a traxectoria e a visión singular da marca, que leva máis de dúas décadas levando o nome de Galicia por todo o mundo sen perder de vista as súas raíces.

O proxecto liderado por Charon Froján e Alfredo Olmedo foi escollido por maioría entre as dez candidaturas presentadas. O xurado, presidido pola deputada de Cultura Natividade González, contou coa participación de profesionais e docentes do eido do deseño como Cristina Varela (UVIGO), Raquel Boo (DAG), Óscar Otero, Dolores Dopico (UVIGO) e Carlos Bernárdez. A secretaría correu a cargo de Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da Deputación.

O fallo destaca a capacidade de D-due para “potenciar o deseño dunha maneira radical, en vínculo co territorio, os procesos artesanais e o contexto local, e a súa aposta por traballar no global desde o próximo, cunha proxección internacional desde o rural, en coincidencia coa maneira de entender o deseño que tiña Luís Seoane”.

Durante o acto de anuncio, Natividade González expresou o seu recoñecemento á marca rianxeira subliñando que “a súa capacidade para integrar a artesanía téxtil e a tradición galega cunha visión contemporánea e internacional é un exemplo do que pretendemos fomentar con este premio”. Engadiu tamén que “D-due non só representa a excelencia no deseño, senón tamén a capacidade de proxectar a nosa identidade e a nosa creatividade máis aló das nosas fronteiras”.

A firma distingueuse sempre pola súa aposta polo traballo artesanal, reflectido en telas ilustradas a man e series personalizadas. A súa pegada internacional lévaa a estar presente nas principais semanas da moda como París, Milán, Madrid, Barcelona, Berlín ou Toquio, sen esquecer nunca o seu vínculo co rural galego.

Tal como afirman os seus creadores, “esa dimensión internacional non se entende se non mirásemos ás nosas orixes, porque é precisamente no local, na conexión coa identidade, a paisaxe e a cultura de Galicia, onde se asenta a nosa linguaxe”.

Este recoñecemento reafirma o papel de D-due como un dos referentes do deseño con selo galego e dá visibilidade a unha forma de crear que, desde o rural, constrúe pontes co mundo enteiro.

⚙ Configurar cookies
0.1582989692688