A Filmoteca de Galicia rende homenaxe aos 50 anos da Revolución dos Caraveis

ACoruñaXa
A cinemateca ubicada na Coruña programa oito películas que afondan no 25 de abril de 1974 en Portugal
Imaxe do cartel do programa da Filmoteca de Galicia para abril
2 Abr 2024

A programación de abril da Filmoteca de Galicia arranca este martes coa última sesión de 'Lazos que unen', retrospectiva da cineasta estadounidense Su Friedrich, que se exhibe na Coruña en colaboración co Festival Punto de Vista de Pamplona. Proxectaranse os filmes 'The Odds of Recovery' e 'Today' como arranque desta nova carteleira, na que destaca a conmemoración fílmica dos 50 anos da Revolución dos Caraveis.

En colaboración coa Cinemateca Portuguesa, entre o 24 de abril e o 3 de maio proxectaranse unha serie de documentais filmados nos días da revolución portuguesa e tamén ficcións que retratan a xente nas rúas e as manifestacións, así como o proceso de reforma agraria.

O ciclo 50 anos do 25 de abril comeza na véspera desta efeméride cun dos títulos máis emblemáticos daqueles anos, 'As armas e o povo', documento histórico de valor inestimable firmado polo Colectivo de Trabalhadores da Actividade Cinematográfica. O propio día 25 haberá unha sesión de catro curtametraxes filmados entre 1975 e 1976: 1º de maio, 'Revolução', 'Cravos de Abril' e 'Paredes Pintadas da Revolução Portuguesa'.

Ao día seguinte, proxéctase 'Scenes From The Class Struggle in Portugal', do norteamericano Robert Kramer, un dos moitos cineastas estranxeiros que viaxaron a Portugal para filmar eses feitos históricos. Finalmente, e ata as novas sesións de maio, o 30 de abril o público poderá descubrir 'As desventuras do Drácula Von Barreto em terras da Reforma Agrária', así como 'Terra de pão, terra de luta', de José Nascimento.

Despedida ao ciclo dedicado a Aki Kaurismäki

Neste mes remata, ademais, a retrospectiva dedicada a Aki Kaurismäki, que deu comezo o pasado febreiro coa visita á Filmoteca do director finlandés. En abril, ofreceranse nove filmes, entre os que se atopan as súas dúas primeiras películas, Crimen y castigo (2 e 3 de abril) e Calamari Union (6 e 10 abril). Tamén se poderán ver na Sala José Sellier algunhas das máis famosas da súa filmografía, como Nubes pasajeras (4 e 5 abril), Juha (11 e 12 abril), Leningrad cowboys meet moses (16 abril), Un hombre sin pasado (17 e 18 abril), Luces al atardecer (20 e 23 abril), El Havre (24 e 25 abril) e El otro lado de la esperanza (26 e 27 abril).

Estrea das restauracións de Díaz-Noriega

José Ernesto Díaz-Noriega, figura esencial do amateurismo español e do cinema feito en Galicia nos anos 60 e 70, será un dos protagonistas do mes na Filmoteca dentro do ciclo Cinema, rexistro vivo da nosa memoria, que reúne restauracións recentes de cinematecas de todo o mundo. A investigadora Carolina Cappa presentará na sesión do día 9 a estrea das restauracións de boa parte dos traballos de Díaz-Noriega, realizadas baixo a súa coordinación para a Elías Querejeta Zine Eskol e nas que tamén participaron a Filmoteca Española e a Filmoteca de Galicia.

Para o día 18 está programada unha sesión dobre do ciclo Materiais para unha historia do cine en Galicia, con fitas da etapa galega deste cineasta: a curta El Anillo e a mediometraxe Os Suevos.

Estes non son os únicos traballos de recente restauración que se inclúen no calendario de abril, dentro do que tamén haberá pases de Prisioneros de la tierra, de Mario Soffici; Las ruinas de un imperio, de Fridrikh Ermler; Bushman, de David Schickele; La carpa de circo, de Aravindan Govindan, e Quizá mañana…, de Judit Elek.

Estas sesións virán precedidas dun seminario organizado pola distribuidora Lost & Found no que participarán Inés Toharia, directora de Cine, registro vivo de nuestra memoria, a película que dá nome ao ciclo, e a propia Carolina Cappa.

Presentación de novidades editoriais

Ademais das seccións habituais Fóra de Serie e Filmoteca Jr., a Sala José Sellier acolle a presentación de dous libros que se acaban de publicar neste comezo de ano. O día 17 falarase do fotolibro Hot España, no que María Meseguer percorre diversas cidades para crear un relato visual a través dunha mirada atenta, vagabunda e sensible. A autora estará acompañada por Javier Trigales, Juan Gallego e Ignacio Pérez-Jofre.

O 19 de abril é a quenda do libro Clásicos del cine jurídico, de Pablo Fernández Carballo-Calero e Guillermo José Velasco Fabra, coa participación dos directores do volume xunto a José Luis Castro de Paz e Marta García Mosquera. A obra somérxenos nun mundo de intrigas, crimes e xuízos a través dunha selección de películas da historia do cine. Trala presentación, proxectarase Perdición, de Billy Wilder, que se poderá volver a ver o día 23.

0.12317895889282