A Filmoteca de Galicia ofrece cinema histórico e documental na súa programación de xuño

A programación de xuño da Filmoteca de Galicia amplíase con tres novas citas de interese cinéfilo e histórico. O luns 17, a sede da cinemateca galega acollerá a presentación do libro 'O cineísta andarengo', de Manolo González, unha obra dedicada á figura do realizador afeccionado Bernardino de Lamas, seudónimo do xornalista ferrolán Alfonso Piñón Teixido. O acto irá acompañado dunha escolma de pezas cinematográficas do autor, conservadas nos arquivos da propia Filmoteca, que permitirán recuperar parte do seu legado audiovisual.
Ao día seguinte, o martes 18, a programación continúa cunha proposta singular: a sesión 'El cuerpo enfermo en el cine de los orígenes (1902-1920)'. Trátase dunha compilación de filmes médicos da etapa primitiva do cinema, organizada en colaboración coa Filmoteca de Catalunya e a Filmoteca Española. Unha oportunidade para explorar os inicios da representación do corpo e da enfermidade na pantalla.
Xa cara ao final do mes, o xoves 27, será a quenda para o documental contemporáneo coa proxección de 'Hija del volcán', unha obra de Jennifer de la Rosa Martín incluída na sección 'Fóra de serie', destinada a destacar propostas innovadoras e singulares dentro do panorama audiovisual actual.
Estas novas propostas súmanse á intensa actividade da Filmoteca durante este mes de xuño, marcada tamén pola participación na Mostra Internacional de Cinema Periférico (S8), o ciclo dedicado a Marcello Mastroianni, o programa Close-Up de cine e perspectiva de xénero, e as colaboracións cos festivais DiversidArte e Play-Doc. Un feche de tempada cheo de diversidade, memoria e vangarda.