A Filmoteca de Galicia centra a súa programación de decembro no cinema de Kurosawa

ACoruñaXa
A carteleira da cinemateca da Xunta tamén inclúe a estrea do ciclo ‘Territorios mutantes’, no que participarán Gala Hernández e Alfredo Ramos
filmoteca-kurosawa
1 Dec 2025

A Filmoteca de Galicia dedica a programación de decembro ao cineasta xaponés Kiyoshi Kurosawa, cunha retrospectiva que abrangue a súa etapa máis influínte a finais dos anos 90 e comezos do século XXI. Este ciclo, titulado ‘Kiyoshi Kurosawa: a vinganza da soidade’, reúne películas clave do director, coñecido polo seu estilo austero e a súa aportación ao terror xaponés, o xénero J-Horror. Entre os títulos que se poderán ver están ‘Cure’, protagonizada por Koji Yakushô, así como ‘License to Live’, ‘Charisma’, o díptico formado por ‘Eyes of the Spider’ e ‘Serpent’s Path’, e outras obras como ‘Barren Illusions’, ‘Bright Future’ e a máis recente ‘Cloud’.

Xunto a esta retrospectiva, a Filmoteca recupera a sección ‘Desencadres’ cunha homenaxe en 16 mm á cineasta independente estadounidense Chick Strand. A programación inclúe tres sesións, os días 2, 9 e 16, nas que se proxectará unha selección da súa obra restaurada que mestura documental, colaxe visual, feminismo e autoficción.

Ademais, estrea o ciclo ‘Territorios mutantes’, comisariado por Jara Yáñez e Elsa Tébar, que propón unha reflexión sobre as transformacións culturais e sociais actuais. O primeiro bloque, baixo o título ‘Perforar as masculinidades’, ofrecerá encontros coa cineasta Gala Hernández e o politólogo Alfredo Ramos, autor do libro que dá nome ao ciclo. A película elixida para esta sesión é ‘La danse des renards’, de Valéry Carnoy.

No marco da celebración do 20 aniversario do programa educativo Cinema en Curso, o día 10 proxectarase ‘Estrany riu’, ópera prima de Jaume Claret Muxart, cun coloquio posterior moderado por Laia Collel.

A Filmoteca tamén dedica dúas xornadas á crítica cinematográfica galega coa despedida da revista dixital A Cuarta Parede. O día 3 proxectarase unha selección de curtametraxes presentada por Jesús Silva, director da publicación, mentres que o día 4 terá lugar unha mesa redonda con Beli Martínez, Marta Pérez e Ángel Sánchez, moderada por Brais Romero, seguida da proxección de ‘Vikingland’, de Xurxo Chirro.

Por último, a Sala José Sellier acollerá as últimas sesións do especial ‘Espello Vídeo Cine’, coas proxectadas ‘1982–1983: o agro’ (día 17) e ‘1983: a fábrica’ (día 23). A sección Off Galicia contará coa presenza de Roberto Alvite o día 5 para presentar ‘As tres outras vidas de María Santiso’ e de Paula Veleiro o día 23 con ‘Te separas mucho’.

A programación para público familiar inclúe a proxección de ‘Flow, un mundo que salvar’ o día 13.

⚙ Configurar cookies
0.077456951141357