A Festa do Maior en Paderne reúne a máis de 200 persoas nunha xornada especial

ACoruñaXa
O evento homenaxeou aos veciños e veciñas máis veteranos do municipio
paderne-maior
29 Mar 2025

Máis de 200 persoas responderon á chamada do Concello de Paderne para celebrar a vida nunha emotiva Festa do Maior. O evento homenaxeou aos veciños e veciñas máis veteranos do municipio, nunha xornada que combinou misa, un pleno especial e unha comida de confraternización.

A gran acollida da iniciativa fixo que finalmente fosen necesarios tres autobuses, que partiron desde o Concello ás 11:00 horas e percorreron todas as parroquias para recoller aos asistentes e levalos ata a igrexa de Paderne. Alí celebrouse a primeira parte do evento, que continuou cun emotivo pleno dos maiores na Casa Consistorial. Durante este acto, a persoa de maior idade de cada unha das nove parroquias tomou simbolicamente posesión do seu cargo.

O alcalde, Sergio Platas, dedicou unhas sentidas palabras aos asistentes: “Sodes a nosa memoria e a nosa sabedoría. Nós non nos unimos á moda de pensar que as persoas maiores son cargas. Ao contrario, temos que escoitarvos porque tedes moitísimo que aportar á sociedade. Se din que a experiencia é un grao, é por algo. Non pode ser doutro xeito. Grazas por estar aquí, contribuíndo a facer comunidade e por investir a vosa vida traballando e coidando das vosas familias en Paderne”. O acto concluíu coa entrega dun agasallo a cada un dos homenaxeados.

Tras o pleno, os asistentes trasladáronse en autobuses e coches particulares ata o Maklkan Club de Oleiros, onde compartiron unha gran comida de celebración. A xornada pechouse cunha animada sesión de música en directo, que puxo o broche de ouro a un día moi especial para a comunidade de Paderne.

 

⚙ Configurar cookies
0.40230584144592