A festa do Entroido en Coirós reunirá este martes inchables, concurso de disfraces e merenda no pavillón da Cortella


Coirós ultima os preparativos para a celebración do Entroido 2026, que terá a súa xornada central este martes 17 de febreiro no Polideportivo Municipal A Cortella. O Concello convida a veciñanza e visitantes a participar nunha festa gratuíta deseñada para todas as idades, con actividades concentradas entre as 17.00 e as 20.00 horas.
O programa inclúe inchables e animación para a cativada, ademais dun concurso de disfraces con categorías infantil e de persoas adultas. A tarde completarase con música en directo e a tradicional merenda de chocolate con churros para as persoas asistentes.
Ademais, dentro da programación municipal prevese tamén un concurso de sobremesas tradicionais de Entroido, unha iniciativa coa que se busca reforzar a parte máis gastronómica da festa e animar á participación.