A Feira Mundos Dixitais reúne na Coruña á vangarda internacional da animación e os efectos visuais

A Deputación da Coruña reafirmou esta fin de semana o seu compromiso co talento, a innovación e a industria cultural galega durante o XXIII Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Medios, Mundos Dixitais, que se celebra en Palexco. O presidente provincial, Valentín González Formoso, acompañado da deputada de Emprego, Rosa Ana García, percorreu os espazos do evento da man do seu director, Manuel Meijide, e destacou “o apoio constante da Deputación ao talento e á innovación”.
Un dos puntos centrais da visita foi a feira de emprego incluída no congreso, un espazo pensado para conectar empresas con novo talento profesional. Alí, Formoso puxo en valor o crecemento do sector audiovisual en Galicia, que conta xa con máis de 700 empresas, unha facturación superior aos 400 millóns de euros e máis de 4.500 persoas traballando en proxectos audiovisuais no territorio.
Neste contexto, o presidente expresou a súa satisfacción polo papel que xoga a Deputación na consolidación do sector, en particular coa posta en marcha do Coruña Estudo Inmersivo (CEI), un innovador plató virtual situado na Cidade das TIC. Trátase da primeira edición de Mundos Dixitais celebrada tras a súa inauguración, e a infraestrutura —cofinanciada con fondos propios e Next Generation EU— está a ser presentada estes días a profesionais de todo o continente como unha referencia no ámbito da produción virtual.
O CEI, con 2.000 metros cadrados de superficie (dos cales 800 corresponden ao plató inmersivo), destaca pola súa tecnoloxía punteira en realidade virtual, aumentada e estendida, permitindo crear “escenarios envolventes, dinámicos e hiperrealistas que reproducen con absoluta precisión calquera localización real ou ficticia”, segundo explicou Rosa Ana García. A deputada definiu o espazo como unha “aposta pioneira” que aspira a ser un “piar fundamental” para o crecemento do audiovisual na provincia.
A xornada coincidiu ademais coa celebración no CEI do primeiro encontro internacional Virtual Production Collective, impulsado pola Deputación para conectar profesionais e empresas líderes a nivel global. O obxectivo: consolidar vínculos, compartir coñecementos e analizar os retos e oportunidades dun sector en plena expansión.
Rosa Ana García participou na apertura deste foro especializado, onde se abordaron casos de éxito, tecnoloxías emerxentes e as posibilidades que ofrece a produción virtual en cine, publicidade, televisión e outros formatos. Subliñou que o evento é unha mostra máis do compromiso da institución co audiovisual galego e coa xeración de emprego no ámbito dixital e tecnolóxico.
O congreso Mundos Dixitais, unha das citas de referencia a nivel europeo, reúne nesta edición arredor de 70 relatorios, proxeccións e encontros profesionais. Entre os temas destacados figuran a animación, a produción virtual e a aplicación da intelixencia artificial ás industrias creativas, coa presentación da nova asociación AI Asemble. A imaxe desta edición é a marca transmedia Yugibao.