A Feira Matemática reúne na Coruña a 500 estudantes para achegar a ciencia á cidadanía

ACoruñaXa
O evento reuniu a alumnado de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de centros da provincia
feira-mates
22 Mar 2025

Preto de 500 estudantes de distintos niveis educativos participaron na XVIII Feira Matemática, organizada pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) coa colaboración da Universidade da Coruña e o apoio do Concello da Coruña.

O evento desenvolveuse ao longo do día nas instalacións de Palexco, reunindo alumnado de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de centros da Coruña, Sada, Rois, Culleredo, Oleiros, Baio e Ferrol.

Nesta edición, a feira centrouse no lema "A maxia das matemáticas", e os estudantes presentaron unha trintena de proxectos elaborados baixo a supervisión de 92 docentes. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, puxo en valor “o esforzo do profesorado e do alumnado na preparación desta feira, que ano tras ano se converte nun escaparate de talento e creatividade ao servizo da educación”.

O Goberno municipal de Inés Rey destacou a importancia da divulgación científica e a innovación educativa para a construción dunha cidade máis igualitaria e preparada para os retos do futuro. A través do apoio a iniciativas como esta feira, promóvese a aprendizaxe activa e o pensamento crítico entre as xeracións máis novas.

A cita tamén contou coa participación de entidades como o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, a Federación Provincial de ANPAS, o Instituto Galego de Estatística, Protección Civil e a Xefatura Provincial de Tráfico. Estímase que arredor de 1.500 persoas visitaron a mostra ao longo da xornada.

A Feira Matemática celébrase anualmente co gallo do Día Escolar das Matemáticas e consolidouse como un referente na divulgación científica e educativa na cidade.

⚙ Configurar cookies
0.3497519493103