A Feira do GastroLexítimo suma deporte ao seu programa con trail, andaina e actividades infantís

ACoruñaXa
O vindeiro 6 de xullo, o evento acollerá a celebración do II Trail e Andaina da Feira
TRAIL-PADERNE
5 Jun 2025

A segunda edición da Feira do GastroLexítimo en Paderne aposta por ir máis alá da posta en valor dos produtos locais, incorporando tamén o deporte, os hábitos saudables e o espírito de comunidade á súa programación.

O vindeiro 6 de xullo, o evento acollerá a celebración do II Trail e Andaina da Feira, unha proposta que combina natureza, exercicio físico e participación interxeracional. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 1 de xullo a través da páxina web. A cita ofrecerá catro modalidades distintas pensadas para todo tipo de participantes.

O trail absoluto, con saída ás 9.30 horas, contará cun esixente percorrido de 24 quilómetros, mentres que o minitrail —previsto para as 10.00 horas— terá unha distancia máis asumible de 10 quilómetros, a mesma que cubrirá a andaina. Para os máis pequenos, ás 11.30 horas dará comezo o pequetrail, cun trazado adaptado de ata 1200 metros.

As tarifas varían en función da modalidade: o trail absoluto terá un prezo de inscrición de 25 euros, o minitrail de 14 euros e a andaina de 6 euros.

A actividade está organizada polo Concello de Paderne coa colaboración de CCNorte, Pipe Speaker Eventos e o Club BTT Caimanes Betanzos, e busca consolidarse como unha proposta de referencia que combina tradición, vida activa e celebración colectiva arredor da identidade gastronómica e cultural da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.12619304656982